Os Reporteiros Solidarios chegan a Abegondo cun taller de radio sobre os dereitos da infancia
Escolares de Abegondo empregarán a radio como forma de sensibilización e educación en valores. O IES de Viós acollerá mañá, mércores 20 de novembro, a primeira sesión do taller de radio con motivo do Día Mundial da Infancia, impartida pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).
Trátase dunha iniciativa promovida polo Concello de Abegondo, como membro do Fondo Galego de Cooperación. Esta actividade terá lugar os días 20 e 27 de novembro, entre as 9 e as 12 horas, no IES de Viós. Participan un grupo de estudantes de 1º da ESO.
A iniciativa busca sensibilizar á cidadanía sobre os Dereitos Humanos e os Obxectivos do Milenio, fomentando á vez as habilidades de participación, a través da comunicación para o desenvolvemento.
Nas capacitacións adquiriranse as destrezas básicas para elaborar unha peza radiofónica na que se reflexionará mediante a música arredor de temas como a igualdade, a convivencia pacífica, as causas da pobreza ou o coidado do medio ambiente. O apartado musical poderá complementarse con entrevistas, enquisas na rúa, etc.
O obradoiro ten unha duración de seis horas estruturadas en dúas xornadas. Na primeira impartirase unha introdución ao medio radiofónico para coñecer as súas características, a linguaxe ou os xéneros xornalísticos, amais de explicar os Obxectivos do Milenio e os Dereitos Humanos.
Na segunda sesión poranse en común as cancións recompiladas, para logo realizar guión e a gravación. O espazo resultante emitirase en Agareso Radio e pendurarase na web www.fondogalego.org como podcast. A actividade encádrase no Plan de Sensibilización do Fondo Galego e conta co apoio da Xunta de Galicia.











