Os protagonistas do “Cantajuego” actuarán para os cativos de BATA, en Vilagarcía
Buby, a galiña Turuleca, Coco, a pulga Pepe, o Pato Contreras, Pizza Margherita e Khon O Gorila acudirán o domingo pola mañá ao centro de día que a asociación BATA xestiona na Laxe para dar unha sorpresa aos nenos e nenas do centro. Os protagonistas do Cantajuego ofreceranlles unha actuación en exclusiva para que os usuarios poidan coñecer ás personaxes do programa pedagóxico co que traballan dende hai anos no centro. O cantajuego ofrecerá pola tarde dúas funcións no Auditorio para o público en xeral que acolleu con moito interese o espectáculo para o cal xa están vendidas a meirande parte das entradas.
O fenómeno do CantaJuego chega a Vilagarcía co obxectivo de encandear ao público infantil en directo do mesmo xeito que o fai a través dos seus discos, DVD e espazos televisivos. O exitoso programa lúdico, musical e pedagóxico que arrasa entre os máis cativos dende hai uns anos desembarca en Vilagarcía cos seus populares personaxes interpretados polos compoñentes do grupo “En Canto” para darse cita na habitación dos soños, na que todos os desexos se converten en realidade.
Ademais de interpretar os temas máis coñecidos do seu repertorio, os protagonitas do Cantajuego animarán ao público a cantar e bailar con eles, e sobre todo, aportarán moita diversión a través dos xogos e do humor.
Vendidas 1.162 entradas
A venta de entradas está moi avanzada. De feito para o pase das 16:30 horas so quedaban a media mañá 124 localidades e 222 para a das 19:30 horas. Os interesados poden adquirilas de xeito anticipado a través da web http://www.servinova.com ou do teléfono 902 504 500. Tamén se poden adquirir na billeteira do Auditorio os venres e sábados do mes de outubro en horario de 19 a 21 horas. Os prezos son 24 euros na zona A, 22 na B e 18 na C. O mesmo día do espectáculo tamén se poderán comprar as entradas no Auditorio. A primeira función comezará as 16:30 horas e a segunda ás 19:00 horas.
Proxecto pedagóxico-musical
CantaJuego é un proxecto pedagóxico-musical audiovisual, desenvolvido por especialistas na estimulación psicomotriz e o traballo psicopedagóxico. Orientado a nenos e nenas de 0 a 6 anos, CantaJuego propón utilizar a música e o movemento para poñer en funcionamento a imaxinación e a fantasía, vivencias que tamén axudan a desenvolver a psicomotricidade a potenciar o mundo afectivo e as relacións sociais.
Precisamente por estes motivos, os CDs e DVDs do CantaJuego son unha ferramenta moi habitual de traballo do centro de tratamento do autismo BATA. Unha das súas monitoras explicou que traballan cos seus alumnos con estes materiais e mesmo utilizan co fío musical durante os recreos “por iso saben as cancións, as cantan e cremos que lles fará unha ilusión enorme ver en directo aos personaxes que ven case todos os días no centro e cos que traballamos e poder bailar e xogar con eles”. A actuación foi xestionada pola Concellería de Cultura que chegou a un acordo coa promotora do espectáculo para que a función en BATA non teña custe algún nin para o Concello nin para os usuarios do centro. Tampouco o teñen as dúas funcións do Auditorio xa que o espectáculo non o contrata o Concello senón que é de promoción privada.
NOTA IMPORTANTE AOS MEDIOS: e tendes pensado cubrir informativamente a función dominical en BATA, a asociación non ten inconvinte algún en que acudan os medios gráficos, pero préganvos que cumprades o protocolo para a toma de imaxes e fotografías dadas as características do colectivo obxecto das mesmas.
Cando cheguedes, podedes preguntar por Mónica, e ela vos acompañará e resolverá calquera dúbida. Non obstante remitímosvos o documento por si o queredes ir vendo antes.











