Os orzamentos do ano 2014 da Deputación da Coruña tentarán centrarse na cidadanía
O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia un avance dos orzamentos para o ano 2014, que sumarán 157,6 millóns de euros e que, segundo o titular provincial, “están elaborados pensando nos nosos concellos, nos seus veciños e orientados a unha xestión cada vez máis saneada para evitar deixar cargas futuras e para ter capacidade de axudar aos que máis nos necesitan”.
Neste apartado, apuntou que “por terceiro ano consecutivo, non acudiremos a ningunha operación de crédito”, e relatou detalladamente a “enorme redución da débeda acadada nos últimos dous anos, xa que chegamos a unha Deputación que debía 78 millóns de euros e, a día de hoxe, a nosa débeda é de 38 millóns de euros”.
“Midamos por onde midamos e collamos os datos que collamos, a nosa Deputación é a menos endebedada de Galicia”, apuntou Calvo, que tamén explicou que “en sentido figurado, cada veciño da provincia debía no ano 2011 68 euros e agora debe 33 euros”. “Se collemos os datos doutras Deputacións vemos que esas cifras crecen hasta os 79 ou incluso 120 euros por habitante”, explicou Calvo.
“Remataremos este ano 2013 cunha débeda do 24% do total do orzamento, e pecharemos o 2014 cun 20%, pero tamén temos as previsións para o 2015, cun 15,60%, e para o 2016, co 10,67% do total”, engadiu.
O presidente provincial explicou que, grazas ás amortizacións anticipadas de créditos que aprobou a Deputación, o orzamento reflexa unicamente unha partida de 309.000 euros para o pago de intereses cando no ano 2011 a mesma partida sumaba máis de 1,2 millóns de euros.
Os Servizos Sociais
Durante a súa intervención, Calvo salientou o “grande esforzo” que se realiza desde a institución coruñesa para “manter os Servizos Sociais dos concellos a niveis do ano 2008 e 2009” a pesar de que “foron moitos os recortes por parte doutras administracións. Así, explicou que, a pesar da redución do montante total do orzamento sobre todo no ano 2012, “nunca baixamos as nosas achegas aos Servizos Sociais, senón todo o contrario, xa que nestes tempos de restricións é a única partida que crece ano tras ano”.
Citou como exemplos que a Deputación, cando o Imserso deixou de facelo, asumiu o custe íntegro do servizo de teleasistencia a maiores de 65 anos non dependentes en concellos menores de 50.000 habitantes. “Ademais, coa colaboración de Xunta, investimos preto de 4 millóns de euros para facernos cargo dos servizos sociais básicos para todos os concellos menores de 20.000 habitantes”, explicou Calvo
“O noso obxectivo: os nosos concellos”
Boa parte da exposición do presidente provincial centrouse na actividade que se realiza desde a Deputación para atender as necesidades dos concellos, sempre baixo a premisa de que “somos unha administración que quere estar moi preto dos cidadáns e que cre na autonomía municipal. Por tanto, en todas as nosas accións damos aos concellos total liberdade para destinar os cartos ás necesidades”.
Así, falou dos 24,2 millóns de euros que se destinan ao POS, o plan mellor dotado de toda a provincia e que supón un investimento de 21,15 euros por habitante, e da creación extraordinaria dun novo plan, o DTC, dotado coa mesma cantidade e que se reparte con criterios obxectivos entre todos os concellos da provincia.
“Isto significa que os concellos da Coruña contaron con 48 millóns de euros, o 33% do orzamento inicial da Deputación, para destinar ao que eles consideraban prioritario nos seus territorios, xa que dimos opción a investir, a sufragar gasto corrente e, este ano, como grande novidade, daremos opción tamén a destinalo a amortización da débeda”, salientou Calvo, que insistiu en que “os concellos da provincia da Coruña atópanse hoxe en mellor situación económica que outros grazas a xestión da Deputación”.
Como novidade, o presidente anunciou que, “se finalmente podemos utilizar os remanentes de Tesourería cos que contamos actualmente, convocaremos un novo plan para os concellos”.
Cultura e Deportes
Tamén dentro do obxectivo de manterse preto dos cidadáns e dos concellos, o presidente da Deputación ofreceu datos sobre o investimento que se realiza tanto en Cultura como en Deportes. “Como exemplo, direi que o ano 13 pecharémolo con máis de 20 millóns de euros destinados ao fomento da cultura da provincia, cando o noso orzamento inicial contaba con 10 millóns”, explicou, á vez que contabilizou en 1.394 as subvencións concedidas a entidades culturais e deportivas da provincia.
Fomento da cooperación
Diego Calvo volveu falar no Parlamento da necesidade de revisar a distribución territorial do mapa galego, e instou ás administracións a elaborar un estudo serio sobre a situación actual, de cara a lograr unha maior colaboración e cooperación entre os concellos que, dixo, “pode acabar en fusión, como no caso de Oza e Cesuras, pero que tamén pasa por fomentar a cooperación para unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos recursos”.
Neste senso, apuntou que nas bases tanto dos plans provinciais como das convocatorias de subvencións incluiranse “primas específicas” para os proxectos que presenten de forma conxunta os concellos.
Relacionado con este asunto, Calvo defendeu unha xestión provincial “afastada dos localismos e os debates estériles” porque, dixo, “traballamos cunha visión de Galicia como cidade única”.
Vías provinciais
Tivo tamén tempo o presidente da Deputación coruñesa para falar dos investimentos na “extensa rede viaria” provincial, con partidas destinadas tanto á conservación como a investimentos que suman máis de 22 millóns de euros e que, ademais de ir encamiñadas á melloras da rede viaria, “buscan humanizar as nosas estradas con proxectos como a sinalización de máis de 200 quilómetros como vías prioritarias para ciclistas”.











