Os orzamentos de Ferrol para 2014 serán “inversores e sociais”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, informou esta mañá do envío aos grupos municipais da proposta orzamentaria para 2014, que será debatida o vindeiro martes na comisión informativa ordinaria da área. Así, o montante económico global para o vindeiro exercicio ascende a 53,7 millóns de euros, o que supón un incremento superior ao 7% con respecto á anualidade de 2013.

O edil de Economía explicou que “con esta optimización do gasto e busca do equilibrio orzamentario pretende dar continuidade ao realismo económico, o rigor na xestión e o cumprimento de todas as normativa correspondente, especialmente o referente á estabilidade orzamentaria”. Así, destacou a partida destinada a inversións de máis de 6,5 millóns de euros que “axudará a paliar os grandes problemas acumulados co paso do tempo na cidade e a situación económica actual, cun esforzo inversor moi superior ao de exercicios anteriores”. O incremento destes ingresos responde principalmente ao aumento de ingresos da participación de tributos do Estado.

Así mesmo, se incrementan en 0,4 millóns de euros os de bens e servizos “que están dedicados ao reforzo dos servizos básicos e o desenvolvemento do Plan de Barrios, que permite atender a todos os barrios e parroquias da cidade de maneira intensa durante todo o ano”, sinalou o edil ferrolán. Ademais, os gastos financeiros son reducidos grazas á diminución do tipo de interese que o Concello aboará o vindeiro exercicio 2014 e aumenta o capítulo de pasivos financeiros para amortizar débeda de préstamos xa existentes.

Principais investimentos

Ademais, as principais inversións contempladas na proposta orzamentaria para 2014 son as seguintes: a urbanización da Praza do Tronco (525.000 euros); urbanización da Praza de Sartaña (300.000 euros); continuidade do proxecto “Abrir Ferrol ao mar” (1.300.000 euros); renovación da rede de abastecemento de auga na rúa Alegre (300.000 euros); instalación de equipos de xestión e control do tráfico e a seguridade viaria (100.000 euros); urbanización da rúa Basanta (200.000 euros); urbanización da rúa Sol (400.000 euros); mobiliario urbano no barrio da Magdalena (120.000 euros); Plan de Barrios (300.000 euros); actuacións na zona rural (265.000 euros); Costa de Mella e Xardíns de San Francisco (300.000 euros); urbanización das rúas Illa Herbosa, Río Xuvia e Fontemoura en San Xoán (90.000 euros), Plan de Mellora dos Barrios (300.000 euros) ou o novo Centro Cívico de Canido (200.000 euros), entre outras.

15 de novembro de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.