publicidade hoxe

Os maiores do Incio aprenden a mellorar a súa calidade de vida coas TIC en dous cursos gratuítos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Incio
A-
A+

A Deputación de Lugo, a través do Centro de Innovación Social In Lugo ofrece, dende hoxe e ata o vindeiro xoves, dúas accións formativas gratuítas, especialmente pensadas para os maiores da provincia, neste caso os do Concello do Incio. Atréveste con Internet? Axudámosche e Xogamos coa mente comezan con todas as prazas dispoñibles cubertas, e permitirán ós seus participantes aprender os fundamentos básicos de Internet para poder acceder a toda a súa información e previr o deterioro cognitivo mediante o emprego do ordenador e as múltiples posibilidades que ofrecen a rede e as novas tecnoloxías.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, acompañada pola Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro, mantivo hoxe un encontro cos participantes en ambos cursos, destacou que a institución provincial descentraliza a formación que se ofrece de xeito habitual no InLugo porque “é fundamental que os lucenses de calquera idade poidan desenvolver actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, de xeito que estas axuden a mellorar a súa calidade de vida e corrixir as posibles desigualdades sociais, con independencia do lugar de residencia”.

García Porto lembrou, ademais, que o Concello do Incio é un dos 48 municipios lucenses que contan con puntos de acceso wifi gratuíto logo de sumarse ó Innova-TE.

Os cursos programados

Os cursos, que se desenvolverán na Casa Consistorial do Incio entre hoxe e o vindeiro día 21 de novembro, son os seguintes:

Atréveste con Internet? Axudámosche, no que os asistentes aprenderán os fundamentos básicos para poder acceder a Internet e toda a súa información, co fin de aumentar a súa autonomía. Con esta formación, serán capaces de conectarse eles mesmos a Internet, comunicarse por correo electrónico e atopar información e facer trámites útiles para o seu día a día, como pedir cita no médico, comunicarse cos seus familiares, consultar o tempo, etc. O horario desta acción formativa é de 16:00 a 18:15 horas.

O segundo dos cursos programados, Xogamos coa mente, permitirá ós participantes previr o deterioro cognitivo mediante o emprego das novas tecnoloxías. Aprenderán a usar o ordenador persoal e a rede para realizar actividades dinámicas de estimulación cognitiva, que mellorarán capacidades como a memorira, a linguaxe ou o cálculo. Neste caso, o horario é de 18:30 a 19:30 horas.

Estes cursos forman parte da programación do Centro de Innovación Social InLugo, que o pasado mes de outubro puxo en marcha diferentes accións formativas gratuítas, pensadas especialmente para os maiores da provincia, e marcads por un enfoque eminentemente práctico, ademais de interxeracional, posto que buscan a colabroación entre lucenses de diferentes idades, por exemplo, dos avós cos netos.

18 de novembro de 2013 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.