Os grupos Évolet e Vodevil actúan na Casa da Cultura de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSan Sadurniño
A-
A+

O próximo 10 de decembro fanse 40 anos desde que abriu as súas portas o colexio público de San Sadurniño para acoller todo o alumnado que se encontraba esparexido polas unitarias do municipio, así como parte de Doso e Pedroso. A actual dirección do centro e o Concello colaboran na organización de varios actos que comezan este sábado cun concerto na casa da Cultura a cargo dos grupos Vodevil e Évolet, formados por antigos alumnos do colexio.

O concerto empezará ás 20 h. e durará ata pouco despois das 22. Vodevil naceu no 2010 e descríbese no seu perfil en Facebook como unha banda de pop-rock en español. Está formada por Uxío Ferló, Javier López e Julián Martínez, quen compartirán velada con Évolet. Este último encádrase no rock, aínda que -como eles mesmos din- con pinceladas de pop e funk.

A música deste sábado daralle paso o martes 10 de decembro ás 17.45h. unha mesa redonda-coloquio sobre a historia do centro e tamén sobre a evolución da educación nestas últimas catro décadas. Será tamén na casa da Cultura e no encontro participarán membros da comunidade educativa do presente e do pasado, aínda que está aberto ao público en xeral.

Fotografías e un mural

En colaboración co centro, o Concello convocou un concurso de murais para decorar o muro perimetral do colexio. Finalmente só se presentou unha proposta achegada por Llanos Luaces, que se encargará de plasmar o seu deseño e de facer a maiores outro mural no que quede reflectido o 40º aniversario.

Ademais, ata o 18 de decembro permanece aberta na casa da Cultura unha exposición fotográfica na que se repasan momentos vividos nas aulas durante todos estes anos. As imaxes xuntáronse a partir do arquivo do centro e das achegas de varios mestres, algúns deles xa xubilados. A este respecto, a dirección do colexio está dixitalizando fotografías antigas coas que elaborar un álbum dixital que estará dispoñible a través da súa web. Á fronte do proxecto está Crisanto Poveda, aínda que as fotografías poden entregárselle a calquera membro do equipo directivo en papel ou ben envialas xa escaneadas.

29 de novembro de 2013 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.