Os escolares vilagarciáns debaterán sobre a protección á infancia, o acoso infantil e os dereitos dos nenos inmigrantes
Os escolares de quinto e sexto curso de Primaria de seis colexios do municipio traballaron durante as últimas semanas a temática dos dereitos da Infancia con motivo da celebración desta conmemoración o 20 de novembro. Froito desta reflexión, os alumnos participarán o mércores no Pleno Infantil organizado pola Concellería de Xuventude para debater e presentar propostas en relación a temas como a protección á infancia, o acoso infantil, os dereitos dos nenos inmigrantes ou melloras no rural en beneficio dos nenos e nenas destas zonas. Os temas a tratar foron elixidos polos propios alumnos.
Cento cincuenta nenos e nenas de seis colexios tomarán parte no Pleno Infantil. Son alumnos de quinto e sexto curso de Primaria dos colexios Arealonga, A Lomba, Sagrada Familia, San Francisco, Vilaxoán e Rubiáns. Como en edicións anteriores, comporase unha Corporación na que estarán representados todos os centros cos seus respectivos grupos, que serán os que expoñan as conclusións dos traballos realizados previamente nas aulas, a modo de moción cos propostas.
A concellería de Xuventude xa leva varios celebrando o pleno infantil o 20N. Con esta actividade, o departamento que dirixe Sandra García persegue dous obxectivos. Por un lado, informar aos nenos e nenas o proceso que levou á aprobación da Declaración dos Dereitos da Infancia, que teñan a oportunidade de coñecer os principios que rexen os 10 artigos que a integran, que reflexionen sobre as situacións nas que se conculcan eses dereitos e buscar alternativas para que se respecten. Con isto tamén se pretende conciencialos en principios de respecto, igualdade e solidariedade. E por outro coñecer o funcionamento das institucións democráticas a través da administración máis próxima a eles, o Concello, de xeito que saiban como e a quen dirixirse no caso de querer defender os seus dereitos.
O Pleno Infantil celebrarse no salón de Plenos do Concello entre as 10:30 e as 12:00 horas do mércores. A sesión faise coincidir co día 20 N, data na que no ano 1959 a Asemblea Xeral da ONU aprobou por unanimidade dos 78 estados membros de entón a Declaración proposta por UNICEF e que ten rango de Tratado Internacional.
A sesións seguirá o modelo de costume. Constituirase unha corporación composta por 21 membros na que cada colexio contará co número de edís proporcional ao número de alumnos do centro, a modo de paralelismo co reparto de representatividade que se fai nas eleccións municipais en función aos votos obtidos por cada candidatura. Logo constituirase a mesa de idade e procederase á elección de alcalde ou alcaldesa. Por último, cada grupo presentará as súas mocións ao Pleno, iniciativas que previamente traballaron na clase e que versarán sobre diferentes aspectos relacionados cos Dereitos da Infancia.
A Concellería de Xuventude facilita o transporte aos escolares do centro das parroquias da periferia.











