Os escolares de Neda protagonizan a Marcha Polo Bo Trato con motivo do 25 de novembro

Marcha polo Bo Trato en Neda
Deceas de persoas participaron esta mañá en Neda na Marcha Polo Bo Trato convocada polo Concello para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero. Unha marcha na que os escolares dos centros educativos da real vila (colexios San Isidro e Maciñeira e IES Fernando Esquío) foron os grandes protagonistas. Saían ás 11,30 horas do Albergue Municipal de Peregrinos e, unha hora despois, chegaban á praza da Casa do Concello. Alí, dende as alumnas e alumnos máis novos ata os dos últimos cursos reivindicaron o fin da violencia machista e unha maior concienciación social en torno a esta lacra. E fixéronno a través de declaracións, relatos de mulleres vítimas de violencia de xénero e máis cánticos.
Para pechar o acto, o alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo procedía á lectura da declaración institucional. Manifestaba, en nome do Concello e da corporación de forma unánime, o máis profundo rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contra as mulleres. Feito que constitúe a máis clara manifestación das desigualdades que persisten entre mulleres e homes e un atentado contra o dereito á vida, á seguridade e á liberdade, dignidade e integridade física e psíquica das vítimas e, polo tanto, un obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Por tanto –continuou o alcalde– as situacións de violencia de xénero requiren unha resposta coordinada, eficaz e interdisciplinar por parte das diferentes administracións. Así, engadiu que, a través da mellora da coordinación interinstitucional e da garantía dos dereitos que o ordenamento xurídico recoñece ás vítimas e aos seus fillos e fillas, preténdese acadar unha resposta máis eficaz, centrada na prevención da violencia de xénero, unha mellor protección das mulleres e dos seus fillos e fillas e unha atención personalizada que contribúa á súa recuperación integral.
Consciente da necesidade de seguir avanzando neste ámbito, o Concello de Neda reitera o seu compromiso co obxetivo de acadar unha sociedade libre de violencia na que as mulleres gocen da dignidade e dereitos que lles son inherentes, como corresponde a unha sociedade libre e democrática.











