Os departamentos de Infraestruturas, Rehabilitación e Medio da Coruña incrementan o seu presuposto en 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, e o concelleiro de Medio, Enrique Salvador, presentaron esta mañá os presupostos das súas áreas de goberno para 2014. En total, dispoñerán de 86,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 7,72% (é dicir, 6,2 millóns de euros) con respecto a este ano; un investimento que contribuirá á aposta decidida do alcalde da Coruña, Carlos Negreira, polos barrios, así como á modernización e mellora dos espazos públicos.

Fernández Prado sinalou que Infraestruturas, Rehabilitación, Urbanismo e Medio aglutinan a maior parte dos 105 millóns de euros que o Concello dedica o próximo ano a investimentos na cidade, un esforzo económico ao que en 2014 se suman os 70 millóns de euros para gasto social, os 100 millóns de euros do Estado para a Terceira Rolda, o Porto Exterior e Alvedro; e os 60 millóns de euros en investimentos da Xunta. Ademais, licitaranse o próximo ano 9 millóns de euros para Smart City a través de Emalcsa.

Os terceiros presupostos do Executivo de Carlos Negreira para as áreas de Infraestructuras, Rehabilitación, Urbanismo e Medio ratifican que a gran prioridade deste equipo de goberno é a aposta pola “xeración de emprego e o impulso da actividade económica”, segundo detallou o tenente de alcalde. Dos 86,5 millóns de euros dos que dispoñerá o departamento que dirixe Martín Fernández Prado, xunto ao concelleiro de Medio, o diñeiro repartirase practicamente á metade entre Urbanismo, Rehabilitación e Infraestruturas (44,9 millóns) e Medio (41,59 millóns).

INFRAESTRUTURAS E URBANISMO

O tenente de alcalde subliñou que en 2014 se destinan 22,5 millóns de euros á modernización de espazos públicos, mellora da accesibilidade e execución de proxectos urbanísticos. Entre os principais programas e accións previstas dentro das áreas de Infraestructuras -cuxo presuposto alcanza os 28,73 millóns, unha suba do 21,7%- encóntranse:

. Proxecto do Parrote-La Marina: 4 millóns de euros, que se suman ao millón presupostado para este ano e que permitirá a rexeneración urbana máis importante que se realiza en Galicia, coa reurbanización de 52.000 metros cadrados e o soterramento do tráfico (30.000 vehículos diarios).
. Programa de mantemento de vías públicas e plan de modernización e humanización: 3,5 millóns de euros, dos que 1,04 millóns de euros (máis do triplo que no último presuposto elaborado polo bipartito) son para mantemento e 2,4 millóns (sete veces máis que no último ano do bipartito en 2011) son para modernización e humanización. Neste capítulo, resérvanse 340.000 euros para un convenio de colaboración coa Universidade co obxectivo de mellorar os accesos aos campus.

. Plan de reposición de vías públicas: 2,34 millóns de euros.
. Plan de mellora de accesibilidade: 1,38 millóns de euros.
. Reparación de zonas peonís (beirarrúas): 2,62 millóns de euros.
. Reparación de pasarelas peonís: 239.512 euros.

Ademais, o departamento de Urbanismo inclúe a urbanización do Parque Ofimático: 6,4 millóns de euros, unha vez o actual equipo de goberno logrou desbloquear este proxecto e concedeu aos cooperativistas as primeiras licenzas para construír as súas vivendas.

O tenente de alcalde tamén explicou que o Goberno municipal incidirá de novo na súa proposta de mellorar e modernizar a rede de iluminación pública da cidade. En concreto, o Concello dispoñerá dun presuposto de 6,2 millóns de euros para alcanzar unha maior eficiencia enerxética e continuar co plan municipal de remodelación da iluminación pública, cuxa conservación e mantemento foi deficiente durante gobernos anteriores.

Fernández Prado indicou que a falta de planificación e xestión que se viviu no pasado en asuntos como a iluminación público, unido ás herdanzas urbanísticas herdadas, provoca que o Concello non poida dispoñer de máis investimento para outros grandes proxectos. Neste sentido, lamentou que o Goberno local teña que reservar 3,8 millóns de euros, a terceira parte dos 11,2 millóns de euros da área de Urbanismo, para sentenzas xudiciais por erros urbanísticos e para futuras decisións dos tribunais vinculadas á xestión realizada durante os anos de gobernos socialistas e do bipartito.

Fernández Prado puxo como exemplo os 968.279 euros reservados para Someso, aínda que a partida máis importante, 1,6 millóns de euros, é por unha reclamación polas obras de urbanización da avenida da Universidade, executadas en anteriores mandatos e que nunca se presupostaron en María Pita -a demanda da xunta de compensación supera os 4 millóns de euros-. O Goberno municipal negocia unha saída que prexudique o menos posible o peto dos coruñeses.

REHABILITACIÓN
A rehabilitación será en 2014 un dos puntos fortes do Goberno municipal. En total, a área de Rehabilitación dispoñerá de 4,9 millóns de euros, un 19% máis que este ano, un presuposto que se dedicará sobre todo á rehabilitación de vivendas e a favorecer a mobilidade dos veciños, co Plan de Ascensores como medida máis destacada. Fernández Prado detallou as principais iniciativas:

. 1,87 millóns de euros para as áreas de rehabilitación integral (ARI) de Casco Histórico, ou Birloque, Os Mariñeiros, Sagrada Familia e o Grupo de Vivendas de Santa Cristina (Palavea). En 2013, presupostáronse, de xeito inicial, 1,5 millóns.
. 1 millón de euros para a terceira convocatoria do Plan de Ascensores, un 11% máis que en 2013. A maiores, existirá unha subvención de 50.000 euros para soterrar cableado dos edificios.
. 800.000 euros para axudas á rehabilitación de vivendas de fóra das zonas ARI e do Casco Histórico -duplícanse con respecto ao presuposto inicial de 2013-.
. 250.000 euros para a nova liña de subvencións no ámbito PEPRI, con 200.000 euros para a pintura de fachadas e 50.000 euros para a substitución da cartelería.

Fernández Prado mostrouse satisfeito cos resultados obtidos ata agora en materia de rehabilitación, o que evidencia que as políticas desenvolvidas por este equipo de goberno coinciden coas necesidades reais dos veciños: “No que vai de mandato, o investimento municipal no Plan de Ascensores é de máis de 3 millóns de euros, o que xerou un investimento total na cidade de 12 millóns de euros”.

MEDIO

O Goberno local manterá en 2014 o seu compromiso cos coruñeses por unha cidade máis limpa, máis verde e máis ecolóxica, o que explica que un de cada seis euros do presuposto se dedique á área de Medio: en concreto, 41,59 millóns de euros, un 3,3% máis que este ano.

O groso do investimento en 2014 será para a recollida e xestión do lixo, con 16,94 millóns de euros, aos que se suman 10,4 millóns polo contrato de limpeza viaria, 5,35 millóns polo mantemento de zonas verdes e 1,87 millóns para o mantemento de papeleiras, colectores e para suxeita-colectores. “En total, máis de 34,5 millóns de euros para servizos públicos básicos que, xunto ao Plan RUA, permiten ofrecer estándares de calidade óptimos nas rúas, prazas e xardíns da cidade”, sinalou o concelleiro de Medio, Enrique Salvador.

O concelleiro tamén destacou que, dentro do compromiso adquirido pola Coruña coa área metropolitana para o correcto funcionamento da estación depuradora de augas residuais de Bens, a área de Medio impulsará o seu plan de saneamento grazas a un investimento de máis dun millón de euros para o contrato de reparación, mantemento e conservación da rede; así como para o control dos caudais procedentes de municipios limítrofes. En total, entre todos os departamentos municipais, o investimento na rede de rede de sumidoiros alcanza os 2,1 millóns de euros.

Enrique Salvador adiantou que, a maiores dos 5,35 millóns de euros para o mantemento de zonas verdes, se destinará outro millón de euros para a mellora dos xardíns, a conservación de espazos naturais, a plantación de árbores, a mellora de áreas infantís e a instalación de aparatos de motricidade.

O concelleiro de Medio tamén resaltou que o seu departamento seguirá colaborando no desenvolvemento do plan director do cemiterio de San Amaro, con 143.000 euros; realizará a adecuación do pozo este e dirección de tiro no parque do monte de San Pedro, con 80.000 euros; e executará novas actuacións nas praias de San Roque e As Lapas, con 145.000 euros.

8 de novembro de 2013 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.