Os delictos contra a propiedade diminúen en Tomiño sensiblemente
O subdelegado do Goberno de Pontevedra, Antonio Coello Bufill e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, presidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá no Concello de Tomiño.
No transcurso da reunión, as forzas de seguridade locais (Policía Local e Garda Civil de Tomiño) deron conta da sensible baixada nos últimos meses, do número de detencións e delictos, a maioría deles, contra a propiedade.
A alcaldesa aproveitou a xuntanza para agradecer e por en valor a actuación e coordinación dos corpos da Policía Local e Garda Civil de Tomiño, nos perigosos incendios que se produciron durante o derradeiro verán, e coincidiu cos demais membros da mesa, na necesidade de reforzar a educación cidadá dende idades temperás.
Novo cuartel
A rexedora local aproveitou a xuntanza para solicitar ao subdelegado do Goberno, un novo cuartel para a Garda Civil de Tomiño, xa que o actual edificio ten graves deficiencias que inciden negativamente no traballo deste corpo de seguridade. A alcaldesa explicou que o estado do inmoble require unha rápida solución, e que neste sentido, vén barallándose dende hai varios anos, a posibilidade de construír un novo cuartel, más pequeno que o actual e máis axeitado ás necesidades dos axentes.
Sandra González reiterou a súa disposición a colaborar para este fin, “xa que neste momento, comeza a ser prioritario e acuciante dar unha saída ao tema”.











