Os cursos de memoria que se imparten polas parroquias de Cervo contan con 40 alumnos
Unhas 40 persoas participan este ano nos cursos de memoria que se imparten polas parroquias do municipio. En concreto, a actividade estase desenvolvendo dende o mes de outubro en San Ciprián, Cervo, Trasbar, Rúa e dende esta semana tamén en San Román, pero o obxectivo da Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Pilar Armada, é que os cursos de memoria cheguen a todas as parroquias, polo que aínda se poden conformar grupos noutras localidades onde exista demanda. Cabe destacar que este ano a novidade son as clases en San Román, xa que no resto de lugares xa os viñan demandando.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais estiveron esta semana nunha das aulas comprobando o bo funcionamento dos cursos e falando co alumnado para coñecer o seu grao de satisfacción nunha actividade que nos últimos anos vén mantendo uns bos niveis de participación e seguimento.
Neste sentido hai que ter en conta que a maior parte dos asistentes repiten ano tras ano aínda que tamén hai novos alumnos. De feito, nesta ocasión incrementouse a demanda con respecto ao curso pasado. Tamén hai que destacar que cada vez son máis os homes que acoden a unha actividade que nun principio tiña mellor acollida por parte das mulleres.
Esta actividade vense ofrecendo nos últimos anos como unha iniciativa moi positiva para os asistentes a varios niveis, tanto dende o punto de vista da mellora das capacidades cognitivas e a estimulación da memoria, como dende o punto de vista social, xa que os cursos convértense nun punto de encontro para os participantes.
Armada tamén destacou o desenvolvemento das clases, “dinámicas e participativas, co obxectivo de que sexan o máis atractivas e proveitosas posibles para as persoas asistentes”.











