Os corpos de seguridade e representantes da Mancomunidade de Ordes reúnense para crear o Sistema de Intervención Integral contra a Violencia de Xénero
Esta mañá representantes de diversos corpos de seguridade e membros das corporacións dos sete concellos que constitúen a Mancomunidade de Ordes mantiveron un encontro de cara á instauración do Sistema de Intervención Integral contra a Violencia de Xénero. Unha nova xornada de traballo que hai que sumar ás xa mantidas polos sectores educativos e sociais e que se engloba dentro do proceso de constitución de dito plan, ideado polo CIM de Ordes e que conta coa financiación da Secretaría Xeral de Igualdade e do Fondo Social Europeo.
Á cita de hoxe estivo presidida polo presidente da Mancomunidade, Manuel Regos, e a ela acudiron a directora e persoal do CIM e dos servizos sociais, representantes institucionais dos sete concellos da comarca, membros das policías locais de Ordes, Cerceda, Oroso e Tordoia e axentes da Garda Civil de Ordes e Oroso. Tamén se contou coa presenza de Judit Fontenla por parte da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno da Coruña.
Entre outras cuestión expuséronse os resultados obtidos da diagnose da situación na comarca e a posibilidade de crear órganos de coordinación baixo o esquema de xuntas ou comisións locais de seguridade ou comisión de coordinación local, ademais de reactivar os xa existentes na comarca.
Tras esta xuntanza tan só queda pendente a dos profesionais do ámbito sanitario, cuxa data aínda está por concretar debido a problemas de axenda por parte de moitos dos representantes. Non obstante dende o CIM agardan que se poida levar a cabo ao longo das vindeiras semanas.
O proxecto de creación do Sistema Integral en Casos de Violencia de Xénero foi recoñecido recentemente nos premios Coopera, outorgados pola Xunta de Galicia, grazas ao cal se elaborará un mapa de recursos e unha proposta de itinerarios de coordinación interinstitucional que dé unha resposta efectiva a esta problemática social.











