Os contratos do Plan de Emprego da Deputación da Coruña foi asinado por 189 persoas
Un total de 189 persoas asinaron hoxe na sede da Deputación da Coruña os contratos de traballo e formación dentro do Plan de Emprego anual que pon en marcha a institución provincial en colaboración coa Xunta de Galicia.
Os participantes pertencen aos 83 concellos menores de 20.000 habitantes da provincia. Este programa, que supón un investimento total de preto de 900.000 euros, ten como obxectivo a contratación de persoas desempregadas co fin de dotar a todos os beneficiarios dunha experiencia profesional que lles axude á hora de atopar un emprego. Por iso, o plan está dirixido a aqueles colectivos con maiores dificultades para a súa inserción laboral.
En total, o programa funcionará con 83 cuadrillas para os concellos, cada unha delas composta por dúas persoas. Ademais, haberá cuadrillas específicas para a Deputación con 14 traballadores en total que estarán distribuídos do seguinte xeito: cinco traballadores no Pazo de Mariñán; cinco traballadores no Mosteiro de Caaveiro; e catro traballadores nas Torres do Allo, coa circunstancia de que este último equipo terá carácter itinerante e presentará os seus servizos tamén no Dolmen de Dombate e nos Batáns de Mosquetín.











