Os bombeiros de Ferrol trasládanse, temporalmente, á nave de servizos municipais
O Goberno Municipal de Ferrol ven de adoptar a medida de que se traslade todo o persoal así como os medios materiais imprescindibles do parque de bombeiros á nave de servizos do Concello situada no polígono da Gándara co obxecto de que realicen a súa función desde a dita nave A voceira do Executivo Local, Martina Aneiros Barros, informou que esta solución adóptase dada a situación xerada nas instalacións dos bombeiros e polo mínimo tempo indispensable, mentres que se acometen as obras de emerxencia que sexan necesarias para garantir o funcionamento do parque.
O traslado temporal dos bombeiros é unha decisión que o Goberno ferrolán adopta despois de que esta mesma mañá o Xefe do Servizo de Extinción de Incendios dera conta aos responsables municipais de que como consecuencia da inundación do parque de bombeiros era imposible a realización das funcións que o persoal ao seu cargo ten asignadas. Así mesmo, dende o Executivo se deron as instrucións precisas para que se acomode a nave de servizos para que poida ser utilizada polos bombeiros mentres que non se completan as obras de emerxencia que son necesarias para o bo funcionamento do parque.
Ademais, por parte do Centro de Recursos Informáticos (CRI) do Concello de Ferrol se adoptarán as medidas precisas para que as liñas telefónicas e en especial o número 080 estean en perfecto funcionamento co obxectivo de que non se vexa afectada a atención á cidadanía.
Obras de emerxencia
O Concello de Ferrol está a acometer obras de emerxencia na cuberta do parque de bombeiros co fin de poñer fin as inundacións. Segundo informou a empresa adxudicataria destes traballos, a día de hoxe reparouse a maior parte do teito aínda que, debido ás adversas condicións meteorolóxicas destes días non se puideron rematar. Ao respecto, dende a empresa aseguran que unha vez que amaine a chuvia o tempo estimado para rematar as tarefas de reparación da cuberta é unha semana.











