Os alumnos do curso de soldadura de Carballo asisten a unha demostración con maquinaria pioneira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Demostración de soldadura

Demostración de soldadura

Os 15 alumnos que participan no Curso de Soldadura con electrodo revestido e TIG que se imparte dende o pasado verán no Fórum Carballo tiveron a oportunidade de asistir o luns 18 de novembro a unha demostración coa maquinaria máis avanzada que existe no mercado. Así, a empresa ESAB (Soldadura e Corte España) ofreceulle aos participantes a oportunidade de aprender algunhas das claves do funcionamento da máquina Warrior, a última xeración en tecnoloxía en soldadura, sendo unha das principais características desta nova ferramenta a eficiencia no manexo da enerxía.

Outra é a súa versatilidade, xa que permite traballar para MIG, Flux Cored, Electrodo Revestido, soldadura TIG, e ranurado con electrodo de carbón. ESAB conta coa única máquina deste tipo que existe en España e acaba de lanzala ao mercado, realizando demostracións en empresas, pero tamén en Centros de Formación como o carballés para permitir que o alumnado teña acceso ás últimas tecnoloxías. Durante boa parte da mañá os asistentes ao curso puideron ver a máquina en acción, así como outras ferramentas pioneiras en materia de soldadura. Hai que mencionar que este Curso de Soldadura está incluído no plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) da Consellería de Traballo e conta con 758 horas de duración. Ademais desta acción formativa, o Fórum acolle nestes momentos outros dous cursos do plan AFD, dos que nestes días principian as prácticas nas empresas: un de cociña e outro de electricidade. No caso do de soldadura as prácticas transcorren entre o 29 de novembro e o 5 de decembro e colaboran sete empresas.

Co Curso de Cociña, de 828 horas de duración, colaboran nove empresas e o período de prácticas transcorre entre o 25 de novembro e o 9 de decembro. Por último, co Curso de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios de 458 horas colaboran seis empresas e as prácticas comezaron o venres 8 de novembro, durando até o 21 do mesmo mes. Todas as entidades que acollen ao alumnado de prácticas desenvolven actividades directamente relacionadas cos contidos do curso. Cada acción formativa conta un total de 15 alumnos e alumnas que, despois da súa experiencia práctica, rematarán o curso co desenvolvemento dos dous últimos módulos. O primeiro trata sobre Formación para a igualdade e o segundo sobre Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero.

19 de novembro de 2013 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.