Os alcades da Laracha e Arteixo presentan o proxecto da travesía A Barreira-Frión-A Cachada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaArteixoLocal Portada
A-
A+
Presentación do proxecto á veciñanza

Presentación do proxecto á veciñanza

Os alcaldes dos Concellos da Laracha e de Arteixo, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo, acompañados polos edís responsables das áreas de obras de ambos municipios e os técnicos redactores da actuación, presentaron aos veciños da zona, nas escolas de A Cachada (pertencentes a Arteixo), o proxecto de creación da travesía con beirarrúas A Cachada-Frión-A Barreira, isto é, no tramo limítrofe da estrada CP-0513.

Ao acto asistiron uns setenta veciños, aos que se animou a coñecer persoalmente o proxecto e mesmo a aportar as súas ideas para tratar de melloralo, consensuando entre todos os actuacións máis beneficiosas para levar a cabo en cada zona.

José Manuel López Varela explicou que xa no ano 2007 a Deputación da Coruña aprobara este proxecto e comprometera o investimento. Nese momento o Concello da Laracha iniciou a expropiación dos terreos afectados no seu termo municipal e no ano 2009 os puxo a disposición da Deputación. Este trámite, imprescindible para acometer as obras, en Arteixo non se chegou a iniciar, o que supuxo perder ese investimento da administración provincial.

O rexedor larachés, que afirmou que “se Arteixo fixera no 2009 o mesmo que A Laracha, a obra xa estaría finalizada”, concluíndo que agora si existe “vontade de facer este proxecto e o compromiso dos dous Concellos de financialo, aportando A Laracha sobre 200.000 euros e, Arteixo, uns 600.000 euros”.

López Varela referiuse, tamén, ao participativo acto celebrado nas escolas de A Cachada, pensado para “que os veciños puidesen coñecer o proxecto e que comprobasen o esforzo que entre todos imos facer”.

Carlos Calvelo comezou a súa intervención asegurando que “daremos solución a unha demanda histórica, porque esta é unha das obras máis prioritarias para nós”. O alcalde arteixán dixo que “o pasado non vale de nada e nós queremos pensar en positivo, e agora anunciamos o noso compromiso de que a obra estará rematada durante o ano que vén”.

Calvelo solicitou “a colaboración e o entendemento cos veciños para facilitar os trámites previos ao inicio das obras”. Neste sentido, afirmou que a cesión dos terreos permitiría avanzar máis rapidamente no procedemento, pero aseverou rotundamente que, pase o que pase, “de ningunha maneira se vai parar esta actuación”.

A obra proxectada mellorará notablemente a seguridade viaria en máis 1800 metros, desde o punto quilométrico 1,38 ata o 3,2 da estrada  CP-0513. Inclúe a construción de beirarrúas a ambos lados da vía, o ancheamento da calzada en determinados tramos, a creación da rede de recollida de pluviais e as canalizacións subterráneas da iluminación pública, telefonía e telecomunicacións.

O proxecto está a disposición de calquera persoa que desexe consultalo nos Concellos da Laracha e de Arteixo, así como nas escolas de A Cachada.

8 de novembro de 2013 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.