Os 180 anos da historia provincial recórdanse na Deputación de Ourense
A Deputación de Ourense lembrará o vindeiro sábado, 30 de novembro, os 180 anos de existencia da división do territorio do Estado español nas actuais provincias e, como consecuencia, da institución da Deputación Provincial como órgano de goberno da mesmas. En lembranza deste acontecemento, a Deputación de Ourense organiza unha semana escolar na provincia convidando aos centros de secundaria públicos, concertados e privados a participar na mesma.
Con esta finalidade editáronse dez mil exemplares do libro/manual “180 anos de historia provincial, 1833-2013”, así como 200 exemplares dunha “Guía do profesorado”, para apoio das actividades e outros tantos carteis anunciadores para expoñer nos centros de ensino participantes.
Ao mesmo tempo, o día 30 de novembro terá lugar unha xornada de “portas abertas” no Pazo Provincial e no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, á que están convidados todos os cidadáns que queiran achegarse para visitar as instalacións da institución provincial. A todos os visitantes entregaráselles o devandito libro (ata esgotar as existencias), no que se recolle a historia do proceso da creación das provincias actuais, do goberno das mesmas e a realidade do goberno provincial presente.
A semana escolar desenvólvese entre os días 25 e 29 do presente mes de novembro. Dos 50 centros escolares de secundaria de toda a provincia de Ourense, 39 comprometéronse a utilizar o libro/manual e a realizar algunha das actividades propostas. 11 centros, por cuestións de programacións xa establecidas con anterioridade, terán en conta a utilización do libro pero non realizarán actividades nestes días.
En total foron 9.021 libros os distribuídos entre o alumnado, profesorado e bibliotecas dos centros escolares de secundaria, tanto públicos como concertados e privados. O resto quedan destinados aos visitantes do día de “Portas abertas”.
Dentro das actividades escolares, o mércores 27, alumnos e alumnas do IES nº 1 do Carballiño realizarán un pleno infantil no salón de plenos do Pazo Provincial. Previamente serán recibidos polo presidente da institución, Manuel Baltar, no seu despacho, e posteriormente desenvolverán a sesión plenaria.
Ao remate das actividades, os centros comprometidos responderán a un cuestionario para dar conta das mesmas así como da efectividade da campaña entre o alumnado para un mellor coñecemento da realidade provincial e do seu goberno así como suxestións para futuras actividades.











