Ortigueira adxudica por 61.000 euros a rehabilitación da depuradora de augas residuais de San Claudio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O goberno local acaba de adxudicar os traballos de recuperación da depuradora de San Claudio. A instalación non cumpre na actualidade a súa función como debese, debido ao mal estado dos seus compoñentes, motivo polo que a intervención se considera prioritaria.

O concello investirá finalmente 61.000 euros na execución destes traballos, adxudicados á firma Ormer Construcciones SL. e incluídos no POST 2013, que cofinancian Concello de Ortigueira e Deputación da Coruña.

A actuación busca paliar os problemas existentes na depuración da rede de saneamento da citada parroquia, grazas á instalación de novos equipos que melloren o funcionamento da depuradora de biodiscos á que van parar as augas residuais xeradas polos residentes da zona.

O proxecto supón a rehabilitación integral da EDAR existente en San Claudio, ao incluír o acondicionamento completo da planta (execución da acometida eléctrica, instalación de novas bombas e rototamiz), ademais de preparala ante un eventual incremento do caudal a tratar.

As obras, que veñen a complementar os proxectos de ampliación da rede de saneamento de San Claudio executados durante o último bienio (cun investimento de preto de 370.000 euros), buscan acabar cos problemas detectados na calidade da auga tratada, contribuíndo así a optimizar o funcionamento da rede de saneamento de todo o núcleo poboacional e á mellora do medio.

4 de novembro de 2013 | 15:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.