Oroso pon en marcha unha campaña para que ningún neno quede sen xoguetes o Día de Reis
O Concello de Oroso vén de poñer en marcha a campaña “En Reis, ningún neno/a sen agasallo”, coa que pretende que todos os nenos e nenas das familias máis vulnerables do municipio poidan disfrutar dun agasallo o día de Reis. Unha iniciativa na que conta coa total e desinteresada colaboración de practicamente a totalidade dos establecementos comerciais do municipio, que durante as próximas semanas albergarán nos seus locais unhas huchas para recoller os donativos que queiran facer os seus clientes.
O alcalde en funcións de Oroso, Antonio Leira, explica que “o obxectivo da campaña é que os clientes que acudan aos distintos negocios de Oroso poidan, se así o desexan, achegar un donativo co que compraremos agasallos para os nenos e nenas das familias máis vulnerables do noso municipio. Queremos que nun día tan especial como o de Reis todos os nenos e nenas teñan un xoguete co que poder xogar”. Leira destaca tamén “a gran implicación dos comerciantes de Oroso pois este ano non só colaboran as tendas e os supermercados, senón tamén todo tipo de negocios como clínicas, empresas de servizos…”
De feito, este ano conseguiuse a colaboración de 85 establecementos comerciais, tanto de Sigüeiro como das distintas parroquias do municipio. As huchas foron feitas grazas á colaboración das librerías Refoxos e Aula 10, ambas de Sigüeiro, que as elaboraron utilizando material reciclado e papel de agasallo. Unhas huchas que foron repartidas durante a xornada de hoxe por persoal dos Servizos Sociais do Concello de Oroso e participantes no programa municipal de voluntariado.
Cos cartos recollidos, o Concello de Oroso mercará agasallos para os nenos e nenas daquelas familias máis necesitadas do municipio. Uns agasallos que estas familias poderán recoller dun xeito totalmente discreto a principios de xaneiro nos Servizos Sociais municipais para que poidan ser recibidos polos pequenos o Día de Reis.











