Oleiros presenta o pase de «As Pombas de Carboeiro»
O Concello de Oleiros, a través do Servizo de Normalización Lingüística, colaborou coa Secretaría Xeral de Política Lingüística na organización, o próximo domingo día 10 de novembro, do pase As Pombas de Carboeiro. A función da compañía Fantoches Baj terá lugar a partir das 19.30 horas no auditorio do centro cultural A Fábrica. Esta obra que está integrada na programación de Fala Redes da Rede de Dinamización Lingüística está recomendada para maiores de 12 anos e a entrada é gratuíta ata completar a capacidade do auditorio.
Este espectáculo que combina música e teatro, trata dun frade que intenta convencer coa súa historia a un batallón do exército napoleónico para que os soldados non sacien a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro. A través do seu relato descubrirán a historia de amor protagonizada por Cervela e Octavia; amor que por razóns de sangue non lles será permitido, e que dará a orixe á estirpe de pombas que habitan en Carboeiro.











