Obradoiros de sensibilización en materia de violencia de xénero
Continuando coas actividades programadas desde a concellería de Igualdade, a través do CIM, ó largo desta semana desenvolverase co alumnado de 3º ESO dos centros de ensino de Monforte unha unidade didáctica en torno á exposición “Cartas de Amor”.
A mostra de pezas gráficas titulada “Cartas de amor”, cedida pola Secretaría Xeral da Igualdade, ten como obxectivo facer evidente a existencia de situacións violentas nas relacións entre parellas adolescentes, sensibilizando á poboación mais nova sobre as formas que adopta a violencia de xénero, de como podemos previla, detectala e erradicala.
A exposición pretende establecer un paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, ás veces, vai asociada a elas, ó tempo que transmite o aumento de casos de relacións de parella entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e incluso física.
Para isto, propúxoselles a varios e varias debuxantes que plasmasen nunha imaxe situacións ou momentos que considerasen violentos na adolescencia, co obxectivo de pór de manifesto a necesidade de mudar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella. Logrouse unha colección de debuxos de cómic galego sobre violencia machista, con traballos de artistas como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares
Dende o CIM sabemos que o ámbito educativo é o primeiro e o máis axeitado para traballar nesa liña e para rachar cos tópicos sobre a violencia contra as mulleres, por iso consideramos importante incidir na prevención e abordaxe da violencia de xénero dende este ámbito.
A psicóloga do CIM de Monforte, Lucía Núñez Álvarez, traballará co alumnado dos centros CPR Escolapios, IES Río Cabe, Instituto A Pinguela, CPR Ferroviario, CPR Torre de Lemos e IES Daviña Rei, en diferentes sesións de unha hora de duración que se levarán a cabo na Casa da Cultura os días 26, 28 e 29 de novembro.











