O XXVII Concurso Internacional de Piano cidade de Ferrol reunirá a 41 talentos musicais de 20 países

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, presentou esta mañá o XXVII Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol que se celebra dende mañá e ata o vindeiro venres, día 29, no Teatro Jofre. O edil ferrolán estivo acompañado polo director do certame e pola presidenta do xurado, Narciso Pillo e Natalicia Lamas, respectivamente.

Un total de 41 talentos musicais procedentes de 20 países participarán na vixésimo sétima edición do concurso de piano. García Hurtado cualificou este certame como “a principal actividade cultural da cidade”, engadindo que este recoñecemento “vese demostrado no número de edicións, a profesionalidade do xurado e os prestixiosos participantes”. Así, o titular das políticas culturais do Concello de Ferrol destacou que “durante unha semana a nosa cidade será a capital do piano en España”.

Unha das principais novidades da XXVII edición do Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol é que o gañador interpretará, o día 30 de novembro, o mesmo concerto da final do certame no Palacio da Ópera da Coruña. Esta actuación estará incluída dentro da programación da Orquestra Sinfónica de Galicia. A competición será inaugurada maña, venres 22, ás 20:00 horas e os premios serán os seguintes:

– Primeiro Premio: Diploma e 12.000 euros.
– Segundo Premio: Diploma e 6.500 euros.
– Terceiro Premio: Diploma, e 4.000 euros.
– Premio ao Mellor Intérprete en Música Española: Diploma e 2.000 euros.
– Premio “Gregorio Baudot” ao Mellor Intérprete Galego: Diploma e concerto.

Por último, o número de concursantes por países é o que segue: Rusia (7); Corea (5); Italia (5); Ucrania (4); Xapón, Exipto, Estados Unidos e España (2); e Alemaña, Austria, Bélxica, Bielorrusia, Brasil, Canadá, Chile, Hungría, Israel, Lituania, Polonia e Portugal (1). Así, compre salientar que sete dos concursantes que se presentan a esta XXVII edición xa participaron en anos anteriores.

21 de novembro de 2013 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.