O teatro de calidade chega ao Auditorio de Ourense con “Metrópolis”
Tras a presentación da 18º Edición do Festival Internacional de Cine de Ourense no día de onte, a Concellería de Cultura reserva outra interesante proposta para este venres 15 de novembro. Trátase da obra de teatro Metrópolis, da compañía de teatro che y moche, que estará no Auditorio a partir das 20.30 h.
Metrópolis é premio Max das artes escénicas, e trátase dunha adaptación da película homónima de Fritz Lang (Metrópolis, 1926), que toma o nome da cidade futurista na que sucede a trama: na cidade xigante do século XXI as máquinas manexadas por un exército de esclavos, realizan todos os traballos.
Os obreiros viven en laberintos subterráneos mentres na superficie, a clase dominante, allea á súa propia tiranía goza da vida nos Xardíns eternos. Freder, o fillo de Fredersen, dono de Metrópolis, queda deslumbrado pola beleza de María e lánzase na súa persecución descubrindo a pobreza e os sufrimentos do mundo subterráneo de Metrópolis.
Programación Infantil
A maiores, o domingo volve o teatro infantil á Sala Azul coa obra O Príncipe e o Parrulo. Unha pequena historia, tan pequena que só precisa un castelo, unha árbore e unha casa para ser contada. Pero esta pequena historia fala de cousas moi grandes.
Nela, dous pequenos personaxes descobren que non hai nada tan divertido como ter alguén con quen compartir, con quen xogar. Decátanse que non hai nada tan grande coma un amigo.
Todas as entradas están a venda en www.servinova.com, ou dúas horas antes da actuación.











