O Taekwon-do ITF Oroso consegue 8 ouros, 15 pratas e 11 bronces no terceiro encontro da Liga FITE Galicia en Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaOroso
A-
A+
Un encontro da Liga FITE Galicia

Un encontro da Liga FITE Galicia

O Club Taekwon-do ITF Oroso conseguiu 8 primeiros postos, 15 segundos e 12 terceiros postos no terceiro encontro da Liga FITE Galicia de Taekwon-do ITF, celebrado a pasada fin de semana no polideportivo Juanito Amigo de Sigüeiro. Un campionato que reuniu a cen deportistas de seis clubs galegos: ITF Noia, ITF Oroso, ITF Fisterra, Sociedade Liceo de Noia, Club Cee Deportes de Contacto e Ximnasio Sung de Baio.

A escola orosá participou con 27 competidores que conseguiron superar os xa extraordinarios resultados obtidos o pasado mes de xuño en Baio (7 primeiros, 7 segundos e 11 terceiros postos). “Pero máis alá dos resultados, o importante son as boas sensacións coas que afrontaremos este último mes antes da derradeira competición. Seguindo esta liña de traballo, o 14 de decembro en Noia, teremos moitas opcións de que algún ou algunha de Oroso se faga co ouro no remate da Liga”, explica María Jesús Vázquez, secretaria do Club Taekwon-Do ITF Oroso.

Deste xeito, os “Chícharos” de Oroso (“nome de guerra” dos rapaces e rapazas do ITF Oroso) chegarán ao cuarto e último encontro da Liga con moitas posibilidades de acadar o triunfo final. Un encontro que se disputará o sábado 14 de decembro nas instalacións da Sociedade Liceo de Noia.

O mellor clasificado do ITF Oroso foi Pedro Ruíz García, que obtivo dous primeiros postos na categoría de 7 a 8 anos nas modalidades Tul e Combate. Tamén tiveron unha participación moi destacada Paula Castiñeira Vázquez (campioa en Tul e segunda en Combate); Míriam Yáñez Vidal e Sergio Regueiro Viqueira (primeiros en Combate e segundos en Tul); así como Emma Fernández Bouvier, Martín Blanco Lagares e Francisco Javier Gil Adamuz (primeiros en Combate e terceiros en Tul). Finalmente, competidores como Sofía Zapata Fermín, Daniel Zarauza García e Javier Otero Gracia obtiveron dous segundos postos en cada unha das modalidades disputadas.

16 de novembro de 2013 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.