O servizo de rexistro do Concello de Vilagarcía xa opera de luns a venres en horario de tarde
O Rexistro xeral do Concello está operando xa en horario de tarde de luns a venres. A medida implantada polo goberno de Tomás Fole no marco da reorganización dos servizos municipais pretende facilitar aos veciños a realización das xestións administrativas e aumentar a eficiencia dos servizos municipais adaptándoos as necesidades e demandas da sociedade actual.
Un traballador do Concello atende as funcións de Rexistro polas tardes, de luns a venres e de cinco a oito da tarde. O servizo emprázase na zona de Portería da entrada principal ao Consistorio, o mesmo lugar no que xa se prestaban as labores de Rexistro so sábados pola mañá de 9 a 13 horas.
A medida permitirá que moitos veciños que traballan semanalmente en horario de mañá, poidan presentar solicitudes, peticións ou outro tipo de documentación oficial no Concello polas tardes, cando antes tiñan que esperar ao sábado pola mañá ou ausentarse do seu posto de traballo. Deste xeito poderán ademais axilizar os trámites ao dispoñer de máis días para realizar os trámites que requiren presentación de documentación vía rexistro.
O Rexistro de tarde xa estivo funcionando de maneira experimental a pasada semana e, `pese a que aínda non se tiña anunciado oficialmente, xa fixeron uso del algúns veciños.
Dentro desta mesma liña de mellorar a operatividade e prestar un mellor servizo á cidadanía, o goberno local tamén reorganizará nos seguintes días o traballo dos seus concelleiros que atenderán ao público polas tardes uns días e cun horario fixo. Este sistema ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños ao goberno local dun xeito máis directo e rápido, posto que ao dispor dun calendario estable saberán que día e en que horario deberán dirixirse ao Concello para falar con concelleiro que desexen.
O equipo de goberno esta axustando o calendario en función da dispoñibilidade horaria dos edís que non están liberados e que teñen que amoldar a atención ao público no Concello cos seus respectivos traballos. Está previsto que o calendario se peche nos vindeiros días e se poña en marcha de inmediato.











