O Santiago Futsal vence o Xaén e segue sumando

Encontro do Santiago Futsal co Xaén
O Santiago Futsal sumou 3 puntos tras vencer o Xaén Paraíso Interior 6-3. O gran partido dos santiagueses reforzou o grande éxito da “II Festa da familia” que congregou máis de 2000 afeccionados nunha festa na que os máis pequenos gozaron con inchables, talleres de maquillaxe e doces de Pecados de Compostela. Ademais, recadouse numeroso material para a Asociación “Xuntos Podemos”.
O partido comezou cun ida e volta dunha portaría a outra e tras un erro defensivo do Santiago Futsal, Jorge Bellvert, ex xogador santiagués, inaugurou o marcador tras unha boa finalización ante Juanjo aos 4 minutos. O Santiago reaccionou rápido xerando numerosas ocasións sobre a portaría de Prieto e tras un saque de esquina disparado por David Pazos, Buendía coou o balón na súa rede empatando o encontro. Unha gran xogada de David Pazos adiantou aos santiagueses no ecuador da primeira parte, se ben José López volveu empatar un partido que se volvera tolo. O Santiago dispuxo de claras ocasións, podendo adiantar Barroso o seu equipo tras rematar no segundo pau só, pero sería Quintela quen adiantaría de novo os santiagueses nunha xogada de estratexia antes do descanso.
Tras o descanso, Palomeque marcou de novo para os santiagueses tras numerosas ocasións sobre a portaría rival e tras varios minutos de superioridade local na que desaproveitaron ocasións para rematar o partido, Buendía recortou distancias para o Xaén apertando o marcador. O partido igualouse, pero pronto Lucho volveu romper o partido a favor do Santiago a 4 minutos do final. Miguelín vestiuse de porteiro-xogador tras o gol, pero os santiagueses apenas deron o balón aos de Xaén, e tras un roubo de Lucho e Quintela, o de Arzúa volveu marcar o definitivo 6-3 sen que os jienenses puidesen facer nada.
Sala de prensa
Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, comentou que “foi un partido complicado que en absoluto reflicte o resultado, aínda que a vitoria é xusta. Sabiamos que fose de casa compiten moi ben, pero creo que estivemos moi ben na estratexia ofensiva e iso resolveu o partido. Cando o partido parecía noso con 4-2 tivemos outro erro que fixo que se metesen de novo no partido e facéndonos sufrir, pero puidemos adiantarnos e sentenciar o partido co sexto tras un roubo defendendo porteiro-xogador”.
Pola súa banda, Daniel Rodríguez, técnico do Xaén Paraíso Interior, afirmou ao final do partido que “fomos capaces de chegar con opcións ata 4 minutos do final. Creo que o marcador é máis avultado do que se viu na pista, pero cando se arrisca poden pasar estas cousas”.
Ficha do partido
Santiago Futsal: Juanjo, David, David Pazos, Diego Quintela e Palomeque (cinco inicial), Hugo, Barroso, Lucho, Eloy Rojas, Chus e Santi
Xaén Paraíso Interior: Prieto, Jorge, Lolo Jarque, Ureña e Jose López (cinco inicial), Montes, Juan Puertas, Buendía, Sergio García e Miguelín
Goles: 0-1 Jorge (min 4), 1-1 Buendía pp (min 7), 2-1 David Pazos (min 11), 2-2 José López (min 13), 3-2 Quintela (min 17), 4-2 Palomeque (min 23), 4-3 Buendía (min 33), 5-3 Lucho (min 36), 6-3 Quintela (min 38)
Árbitros: Galo Suárez e Velasco Martínez do colexio asturiano
Amoestacións: Tarxeta amarela para Palomeque do Santiago Futsal e para Jorge, Montes, Buendía e Sergio García do Xaén Paraíso Interior.
Incidencias: Partido correspondente á novena xornada de liga, disputado no Multi usos Fontes do Sar ante máis de 2000 espectadores. Borja Golán, 11 veces campión de España de squash, realizou o saque de honra antes do partido. Levouse a cabo a “II Festa da Familia” con actividades e regalos para os máis pequenos, en colaboración co Concello de Santiago.











