O Santiago Futsal podería asegurar a Copa no encontro de mañá ante Peñíscola
Mañá dispútase a décimo terceira xornada de liga na que o Santiago Futsal visita a cancha do recentemente ascendido Peñíscola Adegas Dunviro, coas cámaras de Energy TV como testemuña desde o Pavillón Municipal de Benicarló a partir das 20,30h.
Os santiagueses buscarán certificar a súa clasificación matemática para a Copa de España que se celebrará en Logroño de 13 ao 16 de Marzo, e poderán conseguilo en función dos resultados dos seus rivais. Con todo, o Santiago Futsal é consciente de que depende de si mesmo para a clasificación e viaxa a Peñíscola co obxectivo de sumar 3 puntos e cambiar a serie negativa de resultados fóra de casa.
Actualmente os santiagueses son cuartos con 20 puntos mentres que Peñíscola é décimo con 13 puntos e con opcións de meterse en postos de Copa, polo que buscará sumar 3 puntos na súa casa para seguir con opcións de ir a Logroño.
A principal novidade para este partido é a convocatoria de Hamza, que tras 4 meses recuperándose da lesión que sufriu no Mundialito de Kuwait, viaxará a Peñíscola. Pola súa banda, Palomeque non puido realizar o adestramento desta mañá e é dúbida por problemas intestinais. En principio viaxarán a Peñíscola: David, Barroso, Palomeque, Loito, Eloy Vermellas, Juanjo (p), Hugo, Raúl (p), Chus, David Pazos, Hamza e Diego Quintela.
Sala de prensa
Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, comentou en rolda de prensa que “temos unha pequena espiña cravada, que é facer un gran partido fóra de casa e traernos o tres puntos, pero sabemos que vai ser unha cancha complicada, porque Peñíscola non vai desperdiciar a oportunidade de seguir con opcións de meterse na Copa. O partido de fácil non ten absolutamente nada”.
Analizando ao seu rival, o adestrador do Santiago Futsal apunta que “é un equipo cunha mestura de mocidade e experiencia, con grandísimos xogadores de moita calidade, e non hai que esquecer que lle empataron ao Barça na súa casa”.
Tamén comentou a chamada de Diego Quintela á selección, ao que Santi Valladares afirmou que “é un orgullo non só para min, senón para todos os que formamos parte do club. É un premio para nós, un xogador que leva desde Xuvenil de primeiro ano formándose connosco, é unha honra”.
En definitiva, Santi Valladares insiste en que “será un partido complicado no que os dous sairemos a por o tres puntos, eles para seguir con opcións de Copa e nós porque queremos dar ese puntiño máis fóra de casa que nos está faltando, e este partido é unha boa oportunidade para facelo”.











