O Santiago Futsal perde un partido igualado ante Magna Navarra

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Deportes ▼
A-
A+

O Santiago Futsal perdeu 4-3 ante Magna Navarra nun partido de moita intensidade no que o marcador deu a volta ata en tres ocasións. Á espera do resto de resultados da xornada, o Santiago Futsal ve perigar a súa quinta praza, que conserva con 17 puntos. O próximo venres recibirá outro rival directo na loita pola Copa, o Marfil Santa Colomba, ás 21 h no Multiúsos Fontes do Sar.

O Santiago Futsal comezou achuchando en Navarra, e aos 6 minutos adiantouse no marcador cun gol de Lucho no segundo pau tras unha xogada de estratexia de córner. Pouco durou a vantaxe dos santiagueses e tres minutos despois, Roberto Martil empatou o encontro marcando de tacón. O partido era igualado con ocasións en ambas as dúas portarías e moita intensidade na pista. Puido volver poñerse por diante o conxunto santiagués, pero serían de novo os navarros os que marcaron tras unha xogada de estratexia de córner, que Jesulito resolveu tras un tiro cruzado batendo a Juanjo. O Magna Navarra reforzouse coa vantaxe no marcador, pero o Santiago Futsal apertou os últimos minutos antes do descanso tratando de empatar o partido, con dúas boas ocasións a balón parado.

O partido continuouse con moita intensidade e cun Santiago Futsal máis decidido de cara á portaría de Asier. Tras varios minutos de ida e volta, desatouse a loucura en Arrosadía. Loito marcou no ecuador da segunda parte, empatando o partido. Con 5 faltas para os santiagueses, David Pazos volveu dar a volta ao marcador poñendo o 2-3, pero sen apenas tempo, Carlitos empatou de novo o encontro. Ningún dos dous equipos se conformaba co empate, pero foron os navarros os que arriscaron con porteiro-xogador a 2 minutos do final. Un disparo de Rafa Usín que tocou en Barroso, supuxo o gol da vitoria para o Magna Navarra, que aguantou o último minuto de ataque de cinco dos santiagueses.

Sala de prensa

Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, comentou que “na segunda parte fomos moi superiores e eles acusaron o cansazo, probablemente do partido ante o Barça. Demos a volta ao marcador, pero fíxonos moito dano encaixar tan rápido o 3-3. Aínda así, o equipo traballou ben, así que nos toca pensar no seguinte partido,”.

Ficha do partido

Magna Navarra: Asier, Roberto Martil, Jesulito, Eseverri e Rafa Usín (cinco inicial), Marc Tolrá, Víctor Arévalo, Dani Saldise, Carlitos, Íñigo.

Santiago Futsal: Juanjo, Barroso, Lucho, Hugo e Quintela (cinco inicial) David, Chus, Palomeque, David Pazos, Eloy Rojas e Santi.

Goles: 0-1 Loito (min 6), 1-1 Roberto Martil (min 9), 2-1 Jesulito (min 15), 2-2 Lucho (min 29), 2-3 David Pazos (min 31), 3-3 Carlitos (min 31), 4-3 Barroso pp (min 38)

Árbitros: Gutiérrez Lumbreras e Lope Díaz do colexio madrileño

Amoestacións: Tarxeta amarela para Dani Saldise, Eseverri e Marc Tolrá de Magna Navarra e para Barroso e David Pazos do Santiago Futsal

Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada de liga, disputado no Pavillón Arrosadía de Pamplona.

15 de novembro de 2013 | 23:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.