O Santiago Futsal estréase en Copa do Rei ante Segovia Futsal

O Santiago Futsal disputará mañá o partido de décimo sextos de final da Copa do Rei ante Segovia Futsal ás 20,30h no Pavillón Pedro Delgado de Segovia a partido único. Os de Santi Valladares enfróntanse a un histórico do fútbol sala que esta tempada está na Segunda División.

O Segovia Futsal chega a este partido con ganas de volver competir entre os mellores equipos do panorama nacional, tras refacerse esta tempada con novos xogadores. Chegan a este punto da competición tras disputar 6 xornadas de liga, onde só venceron un partido ante o Hércules San Vicente por 3-6, rival que acaba de apear da Copa do Rei ao Colexios Areas Gran Canaria de Primeira División. Pola súa banda, o Santiago Futsal chega tras disputar 8 xornadas, con 5 vitorias, 2 empates e 1 derrota ante Montesinos Jumilla.

O Santiago Futsal leva dúas tempadas consecutivas chegando ata as semifinais da Copa do Rei, onde foi eliminado por ElPozo Murcia, mentres que Segovia Futsal nunca pasou de cuartos de final, onde nas dúas primeiras edicións foi eliminado tamén por ElPozo Murcia e a pasada en oitavos por Carnicer Torrejón cando militaba en Segunda.

Santi Valladares viaxa a Segovia con 14 xogadores: David, Barroso, Palomeque, Lucho, Eloy Rojas, Juanjo (páx.), Pablo Tallón, Hugo, Raúl (páx.), Chus, Santi, David Pazos, Diego Quintela e Alberto (páx.). Os árbitros do encontro serán Contraeras Tecedor e Viedma Martín do colexio castelán-leonés.

Sala de prensa

Santi Valladares, técnico do Santiago Futsal, compareceu esta mañá en rolda de prensa afirmando que “da Segovia do ano pasado só conserva o xuvenil Jorge e un dos porteiros. O resto son xogadores novos para Segovia, pero coñecidos para nós. Moitos coñecémolos das seleccións autonómicas e aínda que son novos, algúns xa xogaron en Primeira División”.

O técnico do Santiago Futsal non se fía nin da súa xuventude, nin da posición que ocupan na táboa clasificatoria, posto que “é a un partido só, na súa casa e non nos esquezamos que é Segovia, un dos clubs de máis prestixio do fútbol salga. É un equipo moi novo, e quizais esa posición na táboa sexa por culpa desa xuventude. Acabamos de ver que caeron xa dúas primeiras, polo que non nos podemos fiar de ningún equipo, así que ou saímos a xogar como temos que saír, ou calquera equipo che pode gañar”.

A nivel deportivo, Santi Valladares afirma que “nós queremos gañar este partido, e aínda que teñamos outro partido importante dous días despois, somos un equipo ao que nos gusta gañar. Sabemos que hai xogadores que están con moitos minutos enriba e imos intentar dodificalos un pouco para tratar que cheguen un pouquiño máis frescos ao partido fronte a Inter “.

5 de novembro de 2013 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.