O Salón García de Vilagarcía estrea unha curtametraxe e a actuación dos acordeóns Arosa Bay e a Coral Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVilagarcía de Arousa
A-
A+

Despois das intensas xornadas de reinauguración do Salón García, a pasada fin de semana, a actividade cultural continúa nesta sala este sábado e domingo, con dúas propostas ben diferentes pero tamén cun evidente sabor local. Por unha banda, o sábado o realizador Fran Estévez estrea a súa curtametraxe “Idiotas”, con dobraxe do tamén vilagarcián Tacho González. Pola outra, o domingo o grupo de acordeóns “Arosa Bay”, que dirixe Alfonso Galbán, compartirá escenario coa Coral Cortegada, que dirixe Juan Carlos Porto. En ambos casos, as actividades comezarán ás 20:00 horas, con entrada libre e gratuíta.

O filme “Idiotas” trata a historia dun sorrinte rapaz que, na compaña do seu can, atópase con misteriosos globos que chegan desde o ceo. Os dous amigos descobren que os máxicos globos esconden mensaxes no seu interior, e que poden ser escoitadas cando os globos son desinflados pouco a pouco…

A curta, de 35 minutos, desenvólvese integramente na cidade de Santiago de Compostela, e conta coa interpretación dun rapaz moi especial do centro de día “Con Eles”, Manuel Rey, todo un descubrimento para o cinema galego. E coprotagonizando a cinta, Luna, a cadela adestrada do Club Agility Compostela, coa voz en off de Tacho González.

O filme é un traballo da produtora de Vilagarcía Hipotálamo Films, e está dirixido por Fran Estévez, autor da multipremiada internacionalmente “Metamorfosis”, entre outras.

22 de novembro de 2013 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.