O rexedor de Cervo agarda que Sargadelos estude medidas alternativas para conservar o seu “excelente capital humano”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou hoxe as medidas anunciadas por Sargadelos para solucionar a situación da súa empresa, que inclúen o despedimento de 41 traballadores da planta cervense. O rexedor asegurou que “esta é unha noticia moi negativa para todos” e cualificou a decisión de “excesivamente drástica”.

Por iso, o mandatario cervense pídelle aos responsables da factoría que “reconsideren a súa postura e estuden medidas alternativas nas que se teña en conta o mellor que ten a empresa: un excelente capital humano, mulleres sobre todo, pero tamén homes, que levan dende a súa adolescencia traballando a cerámica de Sargadelos e dedicando a súa vida profesional a esta empresa”.

O primeiro edil destacou ademais “o esforzo solidario que fixeron os traballadores nos últimos tempos, non só cos seus compañeiros senón tamén coa propia empresa, e que estou seguro que seguirían facendo mentres fixese falta se a empresa llelo propón”. Deste xeito “renunciar ao mellor que ten a fábrica, as mulleres e os homes que traballan nela, é o peor dos camiños posibles”.

Ao mesmo tempo, o rexedor pídelle aos responsables da empresa que “valoren a planta de Cervo, situada na parroquia de Sargadelos, que lle dá o nome á fábrica, e tamén sona e prestixio por todo o mundo”.

O rexedor tamén quixo reiterar que seguirá mantendo contactos tanto cos traballadores como coa empresa “para que entre todos podamos atopar a mellor solución social aos problemas que atravesa Sargadelos”, remata Villares.

12 de novembro de 2013 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.