O proxecto Alfacuca continuará xestionado pola asociación Aceesca
O Pleno da Corporación Municipal mosense aprobou onte en sesión ordinaria mensual a cesión dos bens integrantes do Complexo Alfacuca a favor de Aceesca, pola cal a asociación, entidade sen ánimo de lucro de educación especial, levará a cabo o proxecto de actuación na aldea que leva por título ‘Medrar na Aldea Alfacuca’. Este proxecto ten como obxectivo contribuír á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, da súas familias e do seu entorno, promovendo o cumprimento dos seus dereitos e favorecendo a súa autonomía persoal e autodeterminación.
A Aldea Alfacuca, rehabililitada durante diversos obradoiros municipais de emprego, e sita na parroquia de Louredo, cédeselle mediante este acordo de concesión directa a Aceesca, para que a asociación traballe nas instalacións a prol da defensa e mellora das condicións de vida, do fomento do desenvovemento cultural e social, da potenciación dos principios de solidariedade, igualdade, xustiza e liberdade, e promoción do dereito á saúde das persoas con discapacidade veciños e veciñas de Mos e demais municipios da área.
Segundo informaron a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Formación e Emprego e Facenda e Patrimonio, Óscar Soto, a concesión do uso de Alfacuca a Aceesca é con carácter gratuíto e terá unha duración de dez anos.
Cumprindo o compromiso do goberno local, Alfacuca inicia deste xeito a súa andadura independente. Fora en decembro de 2012, cando se presentara a terceira e última edición do Obradoiro Municipal de Emprego Alfacuca, o momento no que os dirixentes municipais anunciaran que esa sería a derradeira fase de dito obradoiro; fase tras a que as instalacións de Alfacuca quedarían listas para poder iniciar unha traxectoria autónoma e independente. Foi xa durante o transcurso deste Obradoiro de Emprego Alfacuca III, cando entre os propios alumnos e alumnas do mesmo levouse a cabo un ‘brainstorming’ ou tormenta de ideas do que surxiron varios posibles proxectos entre os que se atopaban a asociación en cooperativas de grupos de alumnos-traballadores para explotar as instalacións. Entre todas as ideas presentadas, o Concello de Mos decantouse pola de Accesca, por beneficiarse da mesma un colectivo co que a administración local mosense se atopa moi concienciada e sensibilizada, as persoas con discapacidade intelectual.
A pretensión de Aceesca é, durante esta concesión de Alfacuca por parte do Concello de Mos, levar a cabo o anteriormente citado proxecto ‘Medrar na Aldea Alfacuca’, mediante o cal se pretende facer uso de espazos normalizados e darlle un sentido práctico e tanxible ás aprendizaxes adquiridas en Aceesca, nos centros educativo, ocupacional e de día.
Ademais, este proxecto a levar a cabo por Aceesca constitúe un contexto formativo innovador no que predomina o contacto coa natureza das persoas con discapacidade intelectual para que poidan medrar coma receptores de contidos, compartindo as súas experiencias e coñecementos co resto da sociedade. Deste xeito, as persoas con discapacidade intelectual terán en Alfacuca un espazo no que desenvolver actividades educativas, formativas e laborais; recibirán formación sobre técnicas básicas de coidado da terra e do espazo natural e sobre sensibilización e concienciación ambiental.
O proxecto ‘Medrar na Aldea Alfacuca’ desenvolverase en tres fases a acometer nun período temporal que abarca do 2013 ó 2018, tempo mínimo necesario para poñer en funcionamento un proxecto destas características. Na primeira fase (a levar a cabo nos anos 2013 e 2014) acondicionaranse os espazos e instalacións de Alfacuca que o precisen, crearase unha horta ecolóxica, impartirase un obradoiro formativo en agricultura ecolóxica, produciranse prantas ornamentais e arbustos no invernadoiro, impartirase un taller formativo en alimentación e hábitos de vida saudables, outro de estimulación sensorial e organizaranse visitas guiadas.
Na segunda fase (a levar a cabo nos anos 2015 e 2016), realizarase o mantemento de espazos, o acondicionamento das instalacións que o precisen, un taller de habilidades domésticas, un obradoiro formativo en agricultura ecolóxica, outro de albanelería e carpintería, un xardín dos olores no que se cultivarán prantas aromáticas e especias, e visitas guiadas.
Por último, na terceira fase (a levar a cabo nos anos 2017 e 2018), continuarase co mantemento e acondicionamento de espazos e instalacións, crearase un xardín multisensorial que se lle engadirá ó xardín dos olores e será unha zona elaborada a partir de materiais con diferentes texturas (cortiza, canto rodado, grava, area, etc.), organizaranse xornadas lúdicas, estadías de fin de semana, instalarase unha aula da natureza e levarase a cabo a Graxa Escola Alfacuca.











