O programa Ocio en Familia achega o espectáculo Os Axóuxeres aos cativos mosenses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMos
A-
A+

A concelleira de Educación e Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, anunciou hoxe a vindeira celebración dunha nova actividade enmarcada no programa Ocio en Familia. Trátase de Os Axóuxeres, un encontro que terá lugar o día 17 de novembro ás 12.00 horas no Multiusos das Pozas.

Os Axóuxeres é unha iniciativa dirixida á xente miúda da casa, na que se celebra unha festa da música, dos xogos e das palabras. Consiste nun programa promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, -dependente da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia- para Concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, tal é o caso do municipio de Mos.

O espectáculo está producido por Caramuxo Teatro, ten unha duración de aproximadamente 35 minutos de duración  e está creado especificamente para nenos e nenas de ata 6 anos e as súas familias. A todos eles, quéreselles ofrecer un espazo onde desfrutar xuntos e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.

Na obra cóntanse historias adaptadas aos mais pequenos, mesturadas con apoio musical e con cancións especificamente creadas para a montaxe que implican directamente a participación das familias.

O punto de partida é o descubrimento do mundo que nos rodea, tan característico da idade máis temperá. A partir da curiosidade por saber o que hai dentro dunha casa, e empregando o elemento sorpresa, fálase dos cambios que vivimos a diario na nosa vida e no noso contorno. Estes preséntanse como elementos positivos no desenvolvemento das persoas e das relacións entre elas. Preguntarse quen será ese novo veciño que é diferente a min e descubrir o seu mundo pode ser unha canle a novas experiencias e novas aprendizaxes de vida.

Tal e como esta mañá explicaba Monzón, os obxectivos desta nova iniciativa de Ocio en Familia son “ofrecerlles ás familias espazos e ferramentas de ocio en galego para favorecer a transimisón interxeracional da lengua, promover o emprego da lingua galega nas idades mais temperás, asociándoo a un contexto lúdico e atractivo, aprender a través do teatro e da música novas palabras para denominar en galego o mundo que nos rodea, estimular a capacidade creativa en galego dos nenos e nenas, buscar a implicación das familias dentro da aprendizaxe global dos nenos, estimular a capacidade de atención a través do desenvolvemento dos sentidos (auditivo, visual, tacto…), e crear a necesidade de que a arte en xeral forme parte da vidas dos nenos a das persoas”.

A edil informou tamén de que a entrada a este espectáculo é de balde con reserva previa ata completar a capacidade ou aforo. As reservas pódense facer no teléfono 610 641 570 dende unha semana antes da sesión, neste caso dende o día 8 de novembro, en horario de luns a venres de 10:00 horas a 14:00 horas.

5 de novembro de 2013 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.