O Programa Municipal de Seguridade nos Centros conta coa participación de 16 colexios e institutos da Coruña
O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, presentou esta mañá o primeiro Programa Municipal de Seguridade nos Centros, desenvolvido polo Servizo Municipal de Educación en colaboración co Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), a Policía Local e Protección Civil. “Este programa pioneiro arrincará nunha vintena de centros co obxectivo de sensibilizar e profundar na información e formación do profesorado e alumnado de primaria e secundaria en relación á seguridade, a autoprotección ou os plans de emerxencia nos centros educativos da cidade”, explicou Mourelo.
O programa comezará no CEIP Zalaeta na primeira semana de decembro, con dúas sesións informativas que terán lugar o vindeiro luns día 2 para os profesores; o día 3, para 43 escolares de 5º e 6º de Primaria; e concluír a actividade coa realización, o mércores día 5, dun simulacro de incendio e evacuación dirixido polos Bombeiros, Policía Local e voluntarios de Protección Civil.
A iniciativa continuará durante o mes de xaneiro coa participación dos centros de educación Infantil e Primaria Víctor López Seoane e San Francisco Javier; e o Instituto Sardiñeira, estando prevista a participación até o mes de maio dun total de 16 centros educativos, a maioría de Secundaria.
“A iniciativa permitirá ampliar a actividade relacionada coa prevención dirixida aos centros educativos e consistirá en charlas informativas que se enfocarán aos distintos niveis de integración dos membros da comunidade educativa no Plan de Autoprotección, Prevención e Seguridade nos centros”, destacou o concelleiro.
Para iso, establécense tres intervencións estratéxicas difenciadas:
1. Profesorado. Como máximos responsables do alumnado, explicaráselles de forma práctica, sinxela e participativa o que é un Plan de Autoprotección, como se elabora, a súa responsabilidade e as funcións de cada un deles dentro do plan. Ademais, tamén se tratarán temas como os simulacros, a súa importancia e a obrigación de realizalos; a importancia do mantemento, vías e portas de evacuación e sinalización en perfecto estado de uso e manexo dos distintos sistemas de extinción (extintores e mangueiras); así como os diferentes aspectos normativos e legais. Esta sesión ten unha duración aproximada dunha hora.
2. Alumnado. Explicaráselles de forma amena, práctica e moi didáctica para que serven os plans de autoprotección; a importancia de facer caso aos pais, titores, monitores e profesores en caso de risco; a conveniencia de diferenciar a evacuación do confinamento e cando se debe facer cada unha delas; a explicación do porqué dos simulacros e a importancia de facelos correctamente; a identificación dos distintos sistemas de prevención e o respecto que hai que ter con eles (sinalización, extintores, etc.); ademais de diferentes aspectos de protección fóra dos centros e da seguridade viaria. A duración desta sesión será de entre 90 e 100 minutos.
3. Simulacro. Con toda a formación impartida realizarase un simulacro de incendio no que se fará unha valoración do comportamento xeral tanto de profesores como de alumnos por parte do persoal do SEIS.
“Son os centros os que indican o número de alumnos cos que se poderá traballar en cada sesión informativa, aínda que por parte dos servizos de seguridade municipais estableceuse que hai idades estratéxicas nas cales é prioritario intervir na sensibilización e formación. No caso do centros de infantil e primaria, son prioritarios os escolares de 10 e 11 anos de idade, matriculados en 5º e 6º de Primaria. No caso dos centros de secundaria, serán os alumnos de 15 a 18 anos, é dicir, desde 3º da ESO até 2º de Bacharelato”, concluíu Mourelo.











