O presuposto coruñés para seguridade e mobilidade increméntase nun 41%
O tenente de alcalde de Seguridade Ciudadana, Julio Flores, e a concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, informaron do presuposto da área para 2014, que se incrementa nun 7,27% respecto a 2013 ata alcanzar 40,15 millóns, para facer fronte aos gastos operativos, gastos de persoal e investimentos en materia de Seguridade Cidadá, Emerxencias, Mobilidade, Tráfico e Transportes.
“Realizouse un importante esforzo para incrementar nun 41% o presuposto destinado a seguridade e mobilidade respecto ao último presuposto do bipartito”, sinalou Flores, e continuou: “Seguridade Cidadá e Emerxencias contarán co maior incremento de todas as concellarías -un 14%- e tamén é importante a suba do case 10% na área de Mobilidade, para impulsar os primeiros proxectos que se acorden tras a aprobación do primeiro Plan de Mobilidade da historia da cidade,”.
Os gastos operativos e investimentos supoñen 18,3 millóns (2,88 para Seguridade Cidadá-Emerxencias e 15,44 para Mobilidade-Transportes).
Os gastos de persoal das 540 persoas que conforman o equipo da área alcanzan os 21,8 millóns (20,7 millóns en Seguridade Cidadá-Emerxencias e 1,1 millóns de euros para Mobilidade-Transportes).
Flores informou de que unha das novidades para 2014 é o programa que se vai impulsar dende a Dirección da Área para desenvolver por primeira vez un programa educacional sobre seguridade cidadá e emerxencias: “É importante traballar cos centros escolares e as entidades sociais e veciñais en materia de seguridade cidadá e emerxencias, para complementar o programa de seguridade vial que xa se está a levar a cabo dende hai anos,”.
POLICÍA LOCAL
Flores destacou que en 2014 seguiremos traballando para mellorar a proximidade da Policía Local aos veciños e a vixilancia do cumprimento das ordenanzas municipais, pero a principal novidade é que se destinan máis de 520.000 euros a novo material e a aumentar a frota de vehículos nun 40% para dar servizo ao incremento de axentes nos barrios da cidade”.
Flores afirmou que “na actualidade a Policía de Barrio cobre todos os barrios con patrullas a pé, en moto ou en coches radiopatrullas” e sinalou que “se pasou de patrullar 3 barrios a pé co anterior bipartito a cubrir 20 barrios na actualidade, grazas a que o 58% dos efectivos traballa na Unidade de Distritos,”.
Ademais, púxose en marcha do Programa de Policía Comunitaria, que no seu primeiro ano se mantiveron máis de 40 reunións dos mandos da Policía Local con representantes de asociacións de veciños e de comercio local, para explicar o despregamento da Policía de Barrio e manter un coñecemento permanente da situación de cada barrio.
BOMBEIROS
Respecto ao servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), Flores informou da adquisición de maquinaria e mobiliario a cargo das contribucións especiais e de fondos municipais, por un importe total de 1.058.888 euros. “Este investimento permitirá a construción dunha nova torre de prácticas no Parque de Bombeiros, así como a adquisición dun vehículo lixeiro e doutro camión de rescate en altura para seguir modernizando a frota do SEIS”, detallou Julio Flores.
O edil recordou que o actual Goberno municipal ten invertido entre 2012 e 2013 máis de 2,6 millóns para mellorar o equipamento (novo equipo de excarceración, estación de carga de seguridade, equipos de comunicacións, melloras na rede de hidratantes, mobiliario para o posto de control, vehículo autobomba pesado, vehículo para rescate en altura, vehículo auxiliar para pequenas intervencións e material para intervención con mercadorías perigosas) e para levar a cabo obras no Parque de Bombeiros (Centro de Control de Emerxencias, Unidade de Prevención e Investigación de Incendios, novo garaxe para vehículos de bombeiros e acceso directo á rotonda de Eduardo Diz). “Ademais, creouse unha Unidade Especializada en Rescates en Litoral coordinada cos servizos de rescate e emerxencias do resto de administracións para atender rapidamente as incidencias na franxa litoral coruñesa”, sinalou Flores.
PROTECCIÓN CIVIL
Protección Civil contará cun importante investimento de 440.500 euros para desenvolver o servizo de salvamento e socorrismo nas praias da cidade, que incrementou nun 70% o persoal que presta o seu servizo durante o período oficial de baño. ” Máis de 60 persoas con elevada cualificación traballarán nas nosas praias e manterase a unificación de horarios de vixilancia e atención dos bañistas en todas as praias da cidade”, indicou Flores.
Por outro lado, o concelleiro destacou que as principais novidades do próximo ano consistirán na realización das obras necesarias para contar cunha nova base de voluntarios de Protección Civil no Coliseum e a adquisición dunha nova furgoneta de 9 prazas para trasladar os voluntarios aos dispositivos que se programen. “Tamén se van triplicar os recursos económicos destinados aos cursos de formación, xa que a Agrupación de Voluntarios pasou de ter 47 voluntarios en 2011 a 93 na actualidade, que en 2012 levaron a cabo 150 operativos e 1.517 servizos individualizados,” afirmou.
MOBILIDADE
Flores explicou que en 2014 a cidade contará co primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) “un dos documentos de referencia” para planificar o noso futuro, xunto aos proxectos Coruña Futura e Smart City, e que está a ser elaborado grazas á participación de moitos coruñeses e de moitos colectivos” “que quixeron colaborar”.
O edil resaltou que, dos 15,44 millóns de euros que se dispoñerá en 2014 para os gastos operativos, se van destinar máis de 2,4 millóns para:
– Comenzar a desenvolver proxectos acordados no PMUS (450.000 euros),
– Convenios con asociacións con grande experiencia en materia de mobilidade e seguridade vial para fomentar a concienciación cidadá (40.000 euros),
– Accións de difusión e promoción do PMUS (87.000 euros),
– Mantemento e renovación da rede semafórica e da sinalización vertical e horizontal, seguindo as directrices do PMUS (1,82 millóns).
TRANSPORTE
O edil destacou o incremento do 7% na partida destinada a colaborar cos usuarios do bus urbano. “Pasamos dos 4,9 millóns do último ano do bipartito aos 7,5 millóns do 2014”, indicou, e continuou: “Este incremento do 53% en tres anos permítenos seguir aplicando un desconto do 36% aos usuarios do bonobús ordinario e, sobre todo, un desconto do 71% aos usuarios do bonobús social. Este incremento de 2,6 millóns en tres anos vannos permitir seguir tendo un bonobús ordinario por debaixo da media estatal e un bonobús social dos máis económicos entre as cidades do noso tamaño”.
Flores recordou que o 75% dos 21 millóns de viaxes realizadas en 2012 en bus urbano se realizan coas tarxetas Millennium, dos que case o 18% foron subscritores con tarxeta social: “Quero recordar que neste ano 2013 logramos que a empresa concesionaria do bus urbano asuma parte da suba tanto da tarifa ordinaria, coma da tarifa social e da universitaria, que manteña un millón de transbordos gratuítos e que siga renovando a frota de vehículos. Ademais, a negociación levada a cabo este ano coa Compañía de Tranvías supuxo para os coruñeses un aforro de 14 millóns de euros ata o final da concesión e o obxectivo para 2014 é que non se repercuta ningunha suba sobre o bonobús social”.
Por outro lado, o Concello reforzará a súa aposta polo transporte público cun investimento de 287.964 euros para levar a cabo melloras de accesibilidade e seguridade na Estación de Autobuses, que se suman aos 88.000 euros destinados este ano a mellorar a pavimentación do acceso dos autobuses ás dársenas.
OUTROS INVESTIMENTOS
O Goberno local tamén continuará apoiando ao sector do taxi cun investimento de 75.000 euros para fomentar a incorporación de modelos ecolóxicos e á instalación de GPS e biombos de seguridade; así como a adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida e apoiar a implantación de innovacións tecnolóxicas.
Por último, destinaranse 100.000 euros para colaborar co sector hostaleiro na implantación da nova Ordenanza de Terrazas. “Para acelerar ao máximo a adecuación das terrazas á nova normativa vanse levar a cabo unha serie de accións informativas, así como medidas de apoio e asesoramento ao sector”, finalizou.











