O pleno de Poio aproba a adhesión á petición da Fundación Alexandre Bóveda
No pleno de outubro, o pleno da corporación do Concello de Poio aprobou por unanimidade adherirse á petición que a Fundación Alexandre Bóveda dirixe ao Parlamento Galego instando a que esta institución declare o día 17 de agosto como día da Galiza Mártir, en memoria e homenaxe de todos os cidadáns galegos que foron asasinados ou padeceron o exilio por defenderen as liberdades e dereitos democráticos e nacionais do pobo galego, plasmados dentro do marco constitucional vixente naquel momento, e no primeiro estatuto de Autonomía de Galiza, plebiscitado o 28 de xuño de 1936. Asemade, solicítase que o parlamento dea cumprimento expreso á proposición non de lei nº 07/PNP-0165 (9078), aprobada no pleno do Parlamento de Galiza, na súa sesión do 26 de decembro de 2006.
A petición insta tamén a incluír dentro do currículo académico do ensino primario e secundario o estudo da represión da ditadura franquista na Galiza, e a promover institucionalmente a celebración de actos protocolares da rehabilitación pública e política da figura de Alexandre Bóveda Iglesias para o primeiro “Día da Galiza Mártir” que se conmemore.
O Pleno da Corporación aprobou dar cumprimento aos seguintes acordos:
-Emitir unha comunicación institucional de apoio á petición que formulamos ao Parlamento de Galiza sobre a rehabilitación pública e política da figura de Alexandre Bóveda Iglesias, e da institucionalización do 17 de agosto como “Día de Galiza Mártir”, para que o Parlamento de Galiza cumpra o seu acordo plenario do 26/12/2006 [nº 07/PNP-0165 (9078)] publicado no BOPG nº 310, do 03/03/2007.
– A que a Corporación, ben no seu conxunto, ben cada un/ha dos/as seus/súas membros individualmente, se adhiran á subscrición da petición formulada ao Parlamento de Galiza, que remitimos como anexo.
– A habilitar un espazo no taboleiro de anuncios e/ou na páxina web da institución para que a cidadanía poida adherirse tamén á petición que formulamos ao Parlamento de Galiza, se así o desexar.
Alexandre Bóveda foi nomeado en 2004 fillo adoptivo do Concello de Poio, municipio onde resideu e foi asesinado na Caeira. No monumento que se ergueu na súa memoria, o Concello de Poio celebra cada ano cunha ofrenda floral o Día de Galiza Mártir, no que se lembra a figura de Alexandre Bóveda e de todos os represaliados durante a Guerra Civil e os anos posteriores.











