O pleno de Ferrol aproba os orzamentos municipais de 2014 nos que prioriza o investimento e gasto social
O Pleno de Ferrol, en sesión extraordinaria, aprobou esta mañá os que son os terceiros presupostos municipais do presente mandato –un por exercicio-, cos votos favorables do Partido Popular (PP) e Independentes por Ferrol (IF) e o voto en contra dos edís presentes do PSOE. Os catro representantes de EU e BNG non asistiron á convocatoria plenaria.
O concelleiro responsable da Área de Economía, Alejandro Langtry Caínzos, destacou o feito de que “non creo que existan precedentes nos últimos 20 anos que por terceira vez un Goberno Municipal de Ferrol sexa quen de aprobar os orzamentos xerais do Concello de Ferrol en tempo e forma de tal maneira que entren en vigor ao inicio do novo exercicio económico”. “A responsabilidade que nos deron os ferroláns e que asumimos como Goberno é responder ao que é competencia municipal, e os orzamentos o son”, engadiu Langtry Caínzos. Así mesmo, o edil fixo fincapé na mostra de “estabilidade económica e política” que supón a aprobación inicial das contas do exercicio de 2014 en novembro do ano en curso. Por último, o concelleiro de Economía agradeceu as achegas do PSOE ao texto contable fronte “a desidia e falta de participación de BNG e EU que non fixeron suxestións construtivas ao presuposto e se limitaron a criticalo en prensa sen abrir despois a boca nas comisións informativas”.
No que atinxe ás cifras xerais do Presuposto de 2014, este experimenta unha subida dun 7% con respecto ás contas desta anualidade, chegando aos 53,7 millóns de euros. Deste montante global, preto de 7 millóns de euros dedícanse a investimento. E desta cantidade de investimento uns 4 millóns de euros correspóndense con fondos propios, o que representa “o maior esforzo inversor con fondos municipais na historia da cidade”. O resto das partidas económicas de inversión cóbrense con fondos europeos do Plan Urban e mediante unha operación de endebedamento por importe de 1,8 millóns de euros. Pese a este endebedamento, Langtry Caínzos apuntou que “o que se amortiza no exercicio económico é moi superior ao endebedamento que se asume para facer este esforzo inversor, xa que o importe a amortizar en 2014 ascende a preto de 3,2 millóns de euros”.
Aforro de xuros e pago de facturas
Outro aspecto de xestión económica que puxo sobre a mesa o edil ferrolán foi o aforro de 800.000 euros de máis soamente en xuros que en 2014 debería abonar o erario público polo crédito asinado en 2008 polo entón goberno socialista por 20 anos e a un tipo de xuro fixo do 5%. “O Concello de Ferrol era cautivo desta operación”, dixo Langtry Caínzos, que propuxo o vencemento anticipado desta operación financeira para “non continuar sangrando con xuros do 5% os aforros de todos os ferroláns”.
Por outra banda, o titular de Economía deu conta na sesión plenaria do informe de Tesourería sobre o cumprimento de prazos no pago de facturas correspondente ao terceiro trimestre de 2013. Ao respecto, Langtry Caínzos explicou que o período de abono a provedores e subministradores da Administración local sitúase en 61 días -10 días menos que no informe anterior- fronte os 180 días de media que había ao inicio do presente mandato. O obxectivo é seguir reducindo os prazos até chegar ao pago en 30 días dende que se rexistra a factura.
Transformación urbana e Benestar
As áreas de Urbanismo e de Benestar Social son as que presentan unha maior dotación económica para 2014. O obxectivo é afrontar os proxectos de transformación urbana que ten pendentes dende fai anos a cidade e que cómpre acometer para incentivar o desenvolvemento urbano, social e económico do municipio; e “blindar” o gasto e as políticas sociais.
Ao respecto do urbanismo, as contas de 2014 recollen partidas para intervencións no Cantón de Molíns, a reurbanización de rúas (Sol, Alegre, Insua, Maiola, Herbosa, Fontemoura, Xuvia, Basanta, Miramar, paseo da Mariña…); recuperación dos baixos da Costa de Mella e dos Xardíns de San Francisco; a mellora das prazas de Sartaña e Río do Tronco; o novo Centro Cívico de Canido; e outras. En Benestar, increméntase nun 15% as axudas directas ás familias; destínanse 2,3 millóns de euros para atención a persoas dependentes e créanse novos servizos como dous Comedores Sénior en Esteiro e San Pablo-Catabois; un Banco de Alimentos ou unha nova ludoteca infantil.
Nova Relación de Postos de Traballo
Por último, o pleno de hoxe aprobou a nova Relación de Postos de Traballo acordada polo Goberno Municipal e a maioría sindical do Concello de Ferrol. “A nova RPT permitirá finalizar o proceso de reorganización municipal iniciado neste mandato”, apuntou o tamén responsable de Recursos Humanos da Administración ferrolá, Langtry Caínzos, ao tempo que insistiu que o documento acordado cos representantes sindicais “facilitará aos traballadores municipais acceder á carreira profesional, o que non acontece dende o ano 2011”.
Así as cousas, este entendemento entre Goberno e sindicatos suporá a promoción interna de 23 prazas nas dúas próximas anualidades, distribuídas do seguinte xeito:
Promoción interna 2014:
– 2 prazas de oficiais de Oficios.
– 9 prazas de C2 a C1 (administrativos).
– 3 prazas de C1 a A2 (técnicos en administración xeral).
– 2 prazas de cabo de Bombeiros.
Promoción interna 2015:
– 5 prazas de C2 a C1 (administrativos).
– 2 prazas de C1 a A2 (técnicos en administración xeral).
Bombeiros e Policía
Ademais, a nova RPT aprobada hoxe soluciona a falta de mandos no servizo contra – incendios do Concello coa provisión de dúas prazas de cabo mediante promoción interna. A partir dos resultados da selección de cabos de bombeiros que se leve a cabo o vindeiro exercicio, confeccionarase un listado para facer cargo das responsabilidades da segunda saída que se poida producir en caso de dúas emerxencias ao mesmo tempo.
No que atinxe á Policía Municipal, se convocarán o100% das vacantes que se produzan por xubilación de axentes. Tamén se establece un servizo de catering para os colectivos de bombeiros, policías municipais e resto do persoal que preste servizo durante as cenas de Noiteboa e Fin de Ano, e comida de Nadal.











