O pleno de Ames aproba por unanimidade a concesión de achegas a catro colectivos
O pleno ordinario do mes de novembro no Concello de Ames aprobou por unanimidade a concesión de achegas nominativas a colectivos municipais como Cáritas Bertamiráns ou Arcea Adames para o desenvolvemento de proxectos sociais e a colectivos como AEMI e Motoclub Ameixenda para a realización de actividades. Tamén por unanimidade foi aprobada a declaración de deserta da licitación do Ciclo integral da auga. Ademais, a sesión plenaria deu luz verde á designación de representantes do Concello nas escolas unitarias e no IES do Milladoiro e á renuncia á delegación de competencias e inspección do IAE concedida ao Concello en 2001. Tamén se aprobaron por unanimidade tres mocións: sobre Sisalde, transporte metropolitano e de petición de comparecencia da concelleira de Deportes.
Deste xeito, o consenso dos membros da Corporación foi total á hora de aprobar a concesión de achegas, mediante a correspondente modificación orzamentaria, a catro colectivos deste municipio. Aprobouse unha achega de 7.500 euros para a asociación Arcea Adames destinada ao desenvolvemento do seu taller ocupacional no Milladoiro, co que o Concello vén colaborando nos últimos anos. Tamén se deu luz verde a unha concesión de 4.000 euros a Cáritas Bertamiráns. Esta é a segunda vez que o Concello colabora con Cáritas, este ano con Bertamiráns. Ademais, aprobouse unha achega de fondos á Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI) para o financiamento da Feira do Comercio Val da Maía, cun total de 10.000 euros, e ao Moto Club Ameixenda para o proxecto Supercross de Brins, con 2.000 euros.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que o orzamento vixente contempla subvencións nominativas para a maioría destes colectivos, que solicitaron manter esta colaboración en 2013. A eles engádese a modificación de Cáritas Bertamiráns coa finalidade de apoiar a súa labor. O rexedor explicou que a modificación orzamentaria para posteriormente asinar o convenio coas entidades conta con informes favorables dos servizos económicos municipais e explicou que o obxectivo é apoiar ás entidades empregando a fórmula, xa usada polo Goberno anterior, de aprobar estas achegas no pleno.
Tamén foi unánime o consenso en torno á declaración de deserta da licitación do Ciclo integral da auga, un proceso que foi iniciado en setembro e no que durante o prazo aberto para a presentación de ofertas non se achegou ningunha. Sobre esta cuestión, Santiago Amor fixo fincapé en que “o servizo de abastecemento e saneamento de Ames non se vai ofrecer de saldo ás empresas”. As posibles fórmulas para continuar adiante con este proceso estanse abordando no seo da comisión plenaria creada ao efecto, na que se propuxo a municipalización do servizo, algo que está sendo estudado.
O pleno de novembro tamén abordou a designación de representantes nas escolas unitarias do municipio e no IES do Milladoiro. Sobre este tema, o Goberno amiense presentou unha proposta en base aos criterios de representatividade segundo a cal a representación nas escolas de Covas e Agrón sería para o PSOE, as de Guimaráns, A Igrexa e o IES para o grupo popular, xa que actualmente o grupo municipal socialista conta con dous representantes nos consellos escolares e os concelleiros non adscritos con 3, mentres que o grupo municipal popular conta cun único representante nos consellos escolares.
Na sesión, o grupo socialista defendeu un voto particular segundo o cal propoñía a representación no IES para os exconcelleiros do BNG e dúas escolas unitarias para o grupo municipal popular e outras dúas para os exconcelleiros do PP. Pola súa banda, os exconcelleiros do PP presentaron unha emenda á proposta do Goberno, segundo a cal a representación no IES recaería nalgún destes concelleiros non adscritos. Finalmente, foi aprobada a proposta do Goberno con esta emenda dos exconcelleiros do PP.
O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, explicou a urxencia e a importancia de aprobar esta representación, solicitada pola inspección educativa para as unitarias e no caso do IES porque xa se celebrou un consello escolar e urxía nomear un representante. Bernardo Moar destacou que se aceptaba a emenda dos exconcelleiros do PP, xa que son os que están representando ao Concello no IES de Ames e, deste xeito, continuaríase coa colaboración que veñen desenvolvendo os dous centros.
Na orde do día, tamén se incluía a renuncia expresa á delegación de competencias e inspección do IAE, concedida ao Concello polo Ministerio en 2001 e solicitada agora por este. Este punto foi aprobado cos votos a favor do grupo municipal popular e os exconcelleiros do PP, mentres os concelleiros do PSOE e os exconcelleiros do BNG votaron en contra, coa excepción de Anxo Doval, que se abstivo. Trátase dun trámite reiterativo, a pesar de que as competencias con respecto a este imposto xa foron delegadas na Deputación da Coruña tras o acordo plenario de outubro de 2012.
Mocións
No apartado de control ao Goberno, aprobáronse por unanimidade tres mocións presentadas polos concelleiros da corporación. Deste xeito, deuse luz verde á moción sobre a depuradora de Sisalde presentada polos exconcelleiros do PP no pleno anterior, na que se insta á Xunta de Galicia a manter o seu compromiso coa ampliación da depuradora, dándolle prioridade a esta actuación. Sobre esta cuestión, a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explicou que o anteproxecto da ampliación xa foi redactado e rematado en marzo de 2013 e que neste momento atópase no trámite de consulta ambiental e pendente de que se remita ao Concello.
O pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo socialista na que se rexeita a supresión por parte da Dirección Xeral de Mobilidade das liñas de interese metropolitano que aínda non estaban postas en marcha. Nesta moción, tamén se rexeita a forma na que esta resolución foi notificada e ínstase a presentar unha queixa formal ante a Xunta, reclamar que se deixe sen efecto a resolución e pídese que se solicite un informe ao departamento xurídico do Concello sobre a posibilidade de presentar un recurso contencioso-administrativo.
Por último, tamén houbo unanimidade para aprobar unha moción presentada polo grupo socialista na que solicita a comparecencia da concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, para ofrecer información sobre o desenvolvemento das escolas deportivas. O grupo de goberno apoiou esta moción debido a que non se atopa ningún inconveniente en ofrecer toda a información relativa a esta cuestión, debido á normalidade coa que se están desenvolvendo as actividades. Asemade, nesta moción incluíase outro punto que era a reprobación da concelleira, que por incluírse vencellado ao primeiro punto, e con ánimo de non poñer trabas á comparecencia, foi ditaminado por unanimidade, aínda que o grupo de Goberno non considera que a concelleira teña que ser reprobada. Sobre este asunto, informou a Secretaria que o que se votaba era a comparecencia, aínda que despois se ditaminou todo xunto.
No discorrer do pleno, na quenda de rogos e preguntas, o alcalde tivo que chamar á orde á concelleira María González polas descualificacións e cualificativos despectivos referidos ao rexedor. Santiago Amor lamentou o comportamento da concelleira e a mala educación amosada no pleno.











