O pleno da Laracha aprobada por unanimidade a proposta para destinar os fondos do POS 2014
A Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe na sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de novembro, que estivo marcada polos acordos unánimes na maioría dos puntos incluídos na orde do día.
O máis destacado foi a aprobación, cos votos favorables dos tres grupos con representación no Pleno, da proposta do goberno local para destinar os fondos procedentes do Plan provincial de cooperación ás Obras e Servizos (POS) para a anualidade 2014. O programa completo está valorado en 360.000 euros, dos cales a Deputación da Coruña achegará máis de 349.000 euros. De esta última cantidade, o Concello da Laracha destinará a gasto corrente o sesenta por cento (máis de 209.000 euros), correspondendo o restante corenta por cento máis a achega municipal (en total, uns 151.000 euros) a investimentos.
As obras que se financiarán con cargo a este programa terán por finalidade mellorar a rede viaria municipal. As actuacións afectarán a once núcleos de poboación de dez parroquias do municipio: o núcleo de A Ganduma (parroquias de Lestón e Torás), Maseo (Coiro), Requesende (Golmar), carreteira A Xesteira-Samiráns (Lendo), O Rano e Pazos (Montemaior), A Fontaíña (Lemaio), Nogán (Cabovilaño), Boimir (Soandres).
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, explicou que se optou por destinar o máximo posible a gasto corrente dado que os proxectos de investimento que se financian con cargo a este programa “requiren de moita tramitación administrativa”. Por iso considera conveniente que outras actuacións máis urxentes se inclúan no plan municipal de mellora e mantemento da rede viaria, xa que ditas obras poderían realizarse “tan pronto como estren en vigor os orzamentos”.
Declaración en rexeitamento da violencia de xénero
O pasado luns, 25 de novembro, celebrouse o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. En conmemoración desa data, o alcalde leu unha declaración institucional do Concello da Laracha –asinada polos voceiros dos tres grupos, isto é, José Ramón Martínez Barbeito (PP), Juan Manuel Ramos (PSOE) e Xoán Manoel Sande (BNG)- en rexeitamento desta lacra social.
Como é habitual, antes do inicio do Pleno ordinario gardouse un minuto de silencio en homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero.
Plan de sectorización de Cerámicas Campo
Cos votos a favor dos grupos de goberno (PP) e do PSOE e coa única abstención dos dous concelleiros do BNG aprobouse, con carácter provisional, o Plan de Sectorización presentado pola empresa “Cerámicas Campo”. Trátase dun avance na tramitación administrativa deste documento, que recentemente superou o período de exposición pública.
A finalidade é desenvolver nun conxunto de propiedades situadas na parroquia de Cabovilaño, ao norte da autoestrada AG-55, un proxecto que permitirá, en primeiro lugar, ordenar unhas 39 hectáreas de terreos cualificados no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como “solo urbanizable non delimitado” para transformalos e, posteriormente, urbanizalos para a creación dun parque empresarial privado.
Este proxecto está valorado en 6,125 millóns de euros e a superficie da área de reparto é de 388.500 metros cadrados, cun coeficiente de edificabilidade de 0,70 e un aproveitamento lucrativo máximo de 256.930 m².
Ao Concello da Laracha correspóndelle a cesión do 10% do aproveitamento lucrativo (25.693 m² de superficie) quedando, ademais, 36.876 m² destinados a zonas verdes, sendo a reserva para parque deportivo, equipamento comercial e equipamento social dun total duns 15.000 m². Ademais inclúe a creación de viais públicos nunha superficie de 26.000 m² e de 649 prazas de aparcamento vinculadas a esa rede viaria.
Para José Manuel López Varela “o importante é que as empresas se asenten na Laracha, sexa na zona industrial pública ou na privada”. Ademais salientou as importantes cesións de terreo ao Concello da Laracha que inclúe este Plan de Sectorización, incluíndo unha parcela edificable para actividades industriais que poderá ser vendida, o que suporía “riqueza para a administración municipal” e, por tanto, beneficio para os veciños da Laracha.
Xuíz de paz substituto
De novo houbo unanimidade dos tres grupos na elección da xuíza de paz substituta. Foi nomeada María Inés López Zas, que asumirá o cargo trala renuncia da persoa que actualmente o ostenta.
Novo edificio no CEIP Otero Pedrayo
O rexedor municipal, José Manuel López Varela, anunciou ao Pleno que a Xunta de Galicia redactará o proxecto definitivo para a construción do novo edificio no CEIP Otero Pedrayo durante o 2014 e que, no caso de existir fondos, sacarase a licitación antes de finais do próximo ano. O alcalde explicou que ditos fondos poderían proceder “da incorporación de remanentes do exercicio 2013 e de posibles baixas doutras licitacións”.
López Varela tamén informou de que está en tramitación a subvención solicitada a Deputación Provincial da Coruña para o financiamento da construción dunha nova pista cuberta no mesmo colexio, actuación valorada en 700.000 euros e que tamén contará cunha achega da Xunta de Galicia e outra municipal. “Estamos a falar dun novo pavillón polideportivo no Concello da Laracha”, sentenciou o rexedor municipal.
Felicitacións polo éxito da Feira Multisectorial
Tanto o grupo de goberno como os dous grupos da oposición coincidiron na felicitación aos organizadores da I Feira Multisectorial, isto é, ao Concello da Laracha e á Asociación de Comercio, Servizos e Industria (ACSIL).
O evento, celebrado o pasado domingo no pavillón do IES Agra de Leborís, foi un rotundo éxito. José Manuel López Varela afirmou sentirse “moi contento coa feira, que foi un escaparate do comercio local para os veciños do municipio” e os moitos visitantes que se achegaron. O alcalde considera que quedou demostrado que “calquera produto ou servizo que precisemos, témolo na Laracha e sen necesidade de desprazamentos”, concluíndo que “todo o que se merque ou consuma aquí repercutirá directamente nas familias do Concello da Laracha e na actividade comercial”.
Por último, o alcalde referiuse ao esforzo do Concello na Feira Multisectorial, xa que “asumiu todos os gastos de infraestrutura”, aínda que “compensa porque quedamos todos moi satisfeitos e, ademais, ACSIL puido captar máis socios”, o que favorecerá o desenvolvemento da súa actividade e novas iniciativas.











