O plan de emprego da Deputación da Coruña dará traballo a 189 persoas durante tres meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
A Deputación da Coruña porá en marcha nos próximos días o seu Plan de emprego anual que, en colaboración coa Xunta de Galicia, dará traballo e formación durante tres meses a 189 persoas dos 83 concellos menores de 20.000 habitantes da provincia. 

Este programa, que supón un investimento total de preto de 900.000 euros, ten como obxectivo a contratación de persoas desempregadas co fin de dotar a todos os beneficiarios dunha experiencia profesional que lles axude á hora de atopar un emprego. Por iso, o plan está dirixido a aqueles colectivos con maiores dificultades para a súa inserción laboral.  

En total, o programa funcionará con 83 cuadrillas para os concellos, cada unha delas composta por dúas persoas. Ademais, haberá cuadrillas específicas para a Deputación con 14 traballadores en total que estarán distribuídos do seguinte xeito: cinco traballadores no Pazo de Mariñán; cinco traballadores no Mosteiro de Caaveiro; e catro traballadores nas Torres do Allo, coa circunstancia de que este último equipo terá carácter itinerante e presentará os seus servizos tamén no Dolmen de Dombate e nos Batáns de Mosquetín.

Ademais, contratarase a nove arquitectos ou enxeñeiros técnicos que se ocuparán dos labores de coordinación dos traballos.

Todos os traballadores seleccionados para o Plan de emprego asinarán os seus contratos nos próximos días na sede da Deputación da Coruña.
12 de novembro de 2013 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.