O Plan de Emerxencias de Syngenta presentarase a mediados deste mes oficialmente

Reunión do Plan de Emerxencias de Syngenta
A Policía Local de Mos e o Servizo Municipal de Emerxencias mosense levan meses traballando, concretamente dende o verán, conxuntamente coa xefatura territorial da consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e co Servizo de Emerxencias de Pontevedra sobre o Plan de Emerxencias da empresa Syngenta, elaborado pola administración autonómica atendendo á nova normativa vixente.
A empresa leva instalada no termo municipal de Mos, en concreto na estrada Porriño-Gondomar, máis de 60 anos, pero é agora cando se elabora este plan de prevención porque é recente a esixencia da normativa autonómica de redactar plans de emerxencias.
Este plan en concreto leva redactado dende o ano 2011 e seguiu todo un proceso posterior á redacción que agora tocará ó seu fin co esixida implantación do mesmo. Dita implantación consiste na divulgación e instrucción sobre ó plan ás persoas que se atopan nas zonas de intervención e alerta da empresa en cuestión, e ós medios de comunicación para que informen correctamente ás mesmas sobre o plan.
Esta mañá celebrouse no Concello de Mos unha reunión informal previa ó lanzamento oficial da campaña que se iniciará de cara a mediados deste mes, á que asistiron o xefe territorial da consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, Ramón Pereiro; o xefe do Servizo de Emerxencias de Pontevedra, Evaristo Juncal; Katy Pita, responsable da asistencia técnica da xefatura territorial, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, as concelleiras mosenses Julia Loureiro e Kely Monzón e representantes dos departamentos municipais da Policía Local e do Servizo de Emerxencias.
Neste encontro déuselle conta á administración local a vindeira presentación oficial do Plan de Emerxencias de Syngenta, que como se dixo terá lugar a mediados deste mes. En dita presentación anunciaranse tamén as seguintes reunións informativas dirixidas ós diferentes colectivos interesados neste plan e que serán un total de dúas no Concello de Mos, unha dirixida a poboación en xeral e outra a directivos de asociacións veciñais, profesores e directores de centros educativos, Asociacións de Nais e Pais de Alumnos, e persoal do Centro de Saúde. Nestas charlas informativas estarán presentes, ademais de técnicos da Xunta de Galicia, representantes da empresa Syngenta, dos Servizos de Emerxencias tanto Municipal coma da Provincia de Pontevedra, dos Bombeiros e de Protección Civil.
A idea destas charlas é transmitirlle á poboación información para potenciar a seguridade e que, no caso pouco probable de que se produza un accidente, saber como teñen que actuar. O protocolo de actuación no que consiste este plan vai dirixido específicamente a dúas zonas do contorno da empresa Syngenta, a chamada zona de intervención na que se atopan situadas unhas 150 vivendas, e a zona de alerta que abarca tres kilómetros de radio ó redor das instalacións da empresa. A implantación deste plan rematará en decembro cun simulacro para, ademais de na teoría, instruir na práctica á poboación interesada.











