O Plan de Banda Larga dota de conexión a internet ao IES Chan do Monte de Marín
O Instituto de Ensino Secundario Chan do Monte de Marín conta desde hoxe con conexión a Internet de 40 Mbps de velocidade. Con este centro a provincia de Pontevedra conta xa con 55 dos 217 centros educativos aos que xa se lles facilitou o acceso a esta tecnoloxía no último ano, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
A mellora da conectividade no IES Chan do Monte de Marín, que estaba prevista nas actuacións do Plan, tivo que aprazarse en varias ocasións, xa os espazos nos que o operador de telecomunicacións tivo que realizar as obras para a canalización da fibra óptica requiriron informes de diferentes departamentos municipais e autonómicos para a súa aprobación.
No centro cursan estudos máis de 600 alumnos, entre eles alumnos de varios ciclos superiores da familia de informática. O centro dispón de mais de 230 ordenadores.
A implantación de redes de altas prestacións (de máis de 30 Mbps) permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada. Deste xeito o alumnado pode ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; pode conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permite o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
A mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.
Plan de Banda Larga
Para o desenvolvemento de proxectos como Abalar e para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha en 2010 o Plan de Banda Larga, está a posibilitar que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade.
Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps, da que xa se benefician máis de 1 millón de galegos. Un obxectivo que se cumpriu con cinco meses de adianto e que a finais de 2013 alcanzará a metade da poboación galega (1,4 millóns de persoas).
En total, serán máis de 200 núcleos de toda a Comunidade os que teñan acceso a estas infraestruturas que permitirán desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas formas de producir e comercializar produtos e servizos e diferentes xeitos de comunicación entre cidadanía, empresas e administracións.











