O pintor italiano, Marcello Magnato, gaña o XXX Certame de Pintura do Concello de Cambre
Hoxe coñeceuse o nome do gañador do XXX CERTAME DE PINTURA CONCELLO DE CAMBRE. O xurado, composto por Cristina Trigo, Coordinadora do servizo de actividades e proxectos educativos do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Miriam López, Directora da Galería Vilaseco-Hauser, A Coruña, Ramón Conde, Escultor, Miguel Fernández Cid, Director dá Fundación Torrente Ballester. e o pintor Marcial Ortiz decidiu que a obra gañadora do XXX CERTAME DE CAMBRE fóra “FUXIDA”, obra do artista italiano afincado en Granada, Marcello Magnato. Ademais, o segundo premio recaeu en Marcos Louzán Merchán coa obra “SILENCIOS QUE FALAN” e os accésits foron para Enrique Rodríguez García e Gema López González. Segundo o xurado, da obra gañadora destacaron a súa impactante imaxe, a súa frescura e perfecta execución técnica. Por outro lado, seleccionáronse 20 obras máis para formar parte da exposición (e catálogo) do certame.
Hoxe durante toda a mañá os membros do xurado analizaron as 160 obras antes de emitir o seu veredicto. O goberno local reduciu o custo do certame nos últimos anos (optimizando recursos e mellorando a xestión dos gastos) e pasouse de 33.000,00 € no ano 2010 a 25.000,00 € no ano 2013 (25% de aforro).
Por outra parte, o veredicto do xurado será inapelable e a entrega de premios terá lugar o día 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Vila Concepción de Cambre, quedando as obras seleccionadas expostas dende ese día ata o 31 de xaneiro de 2014. O premio está dotado con 5.000 euros para o primeiro premio, 3.000 euros para o segundo e por último dous accésit. No concurso artístico, que case cumpre tres decenios, poderán concorrer os artistas de calquera nacionalidade residentes en España cun máximo de dúas obras e non poderán acceder ao primeiro e segundo premio aqueles artistas que xa fosen galardoados con estas distincións nalgunha das dez anteriores edicións.











