O pintado do carril de acceso á estrada finaliza as obras na Po-255 cunha inversión total de 10 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O pintado do carril de acceso, dende a zona de talleres, e a aplicación de slurry nun tramo que quedou pendente na senda peonil de Pazos poñen o toque final ao proceso de ampliación e mellora da seguridade vial na PO-255 que leva consigo unha nova imaxe de entrada a Ponte Caldelas e que supuxo un investimento global que rolda os 10 millóns de euros, a maior parte deles con destino ao municipio de Ponte Caldelas. Esta actuación concreta atrasouse por problemas cos propietarios en relación á afección do expediente expropiatorio, que finalmente quedou aclarado.

Así mesmo, unha vez rematados os últimos detalles que, ademais do pintado e sinalización horizontal na zona de talleres e aplicación do slurry nun tramo pendente da senda peonil de Pazos, tamén contou coa colocación dunha moderna e funcional marquesiña destinada a abrigar das inclemencias do tempo os usuarios do transporte público que discorre pola PO-255, especialmente o transporte escolar.

Operarios da empresa COPASA, adxudicataria das obras na PO-255, entre Ponte Caldelas e Forzáns e Cartitel-A Lama aproveitaron o refacho de bo tempo (o popularmente coñecido como Veraniño de San Martiño) para realizar os últimos retoques na nova sinalética, o pintado do novo firme e a finalización das senllas peonís que discorren paralelas a esta estrada.

Esta ambiciosa obra que agora finaliza, ademais de afrontar o enseanche da PO-255, facilitou que se realizase unha renovación total dos puntos de luz existentes na Travesía de Pazos coa substitución dos antigos farois por novas luminarias máis ecolóxicas e eficientes que as que viñan prestando este servizo no lugar. Os traballos incluíron tamén o completo soterramento da liña que daba subministración enerxética ás vivendas e talleres existentes na Travesía de Pazos e zonas adxacentes.

Aínda que nun principio o proxecto só contemplaba a mellora e ampliación da estrada P0-255 entre Ponte Caldelas e Forzáns, as xestións realizadas polo alcalde Perfecto Rodríguez ante o conselleiro de Medio e Infraestruturas de la Xunta (MATI), Agustín Hernández, permitiron modificalo de tal maneira que se tratase o tramo de Pazos como travesía e se lle dotase de servizos de rede de sumidoiros, melloras na seguridade vial, etc.

Ademais desta actuación tamén se substituíron esas antigas canalizacións da rede de saneamento por outras novas dende a rúa José López Boullosa ata o final da rede de Pazos, o que permite que as naves e talleres existentes na zona poidan conectarse ao servizo de rede de sumidoiros.

SENLLAS PEONÍS QUE SE MELLORAN A SEGURIDADE VIAL

A nova Travesía de Pazos conta tamén con dous senllas peonís, de 2 metros de ancho por ambas as dúas marxes da recta, o que mellora a seguridade vial ao habilitarse esas zonas para peóns ao tempo que amplía ata este lugar a posibilidade de gozar dunha ruta segura para as persoas que decidan dar un paseo ata o centro da vila ou utilicen os servizos das distintas empresas situadas nesta zona.

UNHA GLORIETA QUE ORGANIZA O TRAFICO NA SÚA CONFLUENCIA COA ESTRADA DA INSUA-SOUTOMAIOR

Outra das melloras introducidas no proxecto a petición do propio alcalde Perfecto Rodríguez foi a construción da Glorieta que enlaza esta travesía coa estrada PO-244 que comunica Ponte Caldelas con Arcade. Ademais da introdución de lastras na súa creación, dotouse de pasos de peóns, sinalética e unha serie de medidas tendentes a aumentar a seguridade vial e a incorporación do tráfico ao centro da vila.

Ao mesmo tempo a Travesía de Pazos ofrece unha nova imaxe de entrada á vila dando un aspecto máis moderno e funcional, acorde a unha poboación dinámica e en continuo crecemento como é Ponte Caldelas, ao tempo que minora e regulariza a entrada do tráfico na vila proveniente da PO-255 como a que chega dende Soutomaior-Arcade.

12 de novembro de 2013 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.