O Pazo da Cultura de Carballo acolle a mostra “Mulleres de vida alegre?”
A sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o venres 29 de novembro a mostra titulada “Mulleres, de vida alegre?”. Cedida por Médicos do Mundo e composta por instantáneas de Salvador Campillo, transmítenos, a través do testemuño de catro mulleres, as causas e as consecuencias da explotación sexual.
O obxectivo da exposición é concienciar á cidadanía acerca da situación na que se encontra un colectivo estigmatizado e excluído socialmente. Ademais de promover un cambio de actitudes cara á prostitución mostrando as súas consecuencias e dando voz e rostro ás mulleres que a exercen. Mediante esta mostra Médicos do Mundo busca reducir o estigma que rodea ás persoas en situación de prostitución. “Mulleres de vida alegre?” é unha chamada de atención á sociedade sobre as persoas prostituídas, persoas ás que, na maioría das ocasións, se lles sinala como culpables dunha situación cando en realidade son elas as vítimas. A mostra foi inaugurada polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro; e a Concelleira de Cultura e Educación, Mar Eirís. Tamén estivo presente a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro. Poderá visitarse no horario habitual cada tarde de 18.00 a 21.00 horas.
O autor das fotografías, Salvador Campillo, destaca o testemuño que acompaña ás imaxes das catro mulleres prostituídas que aparecen a mostra: “As historias de vida de María José, Andrea, Puri e Hellen ilustran as situacións que viven estas mulleres día a día así como as causas e as consecuencias que ten sobre elas o exercicio da prostitución”. A exposición “Mulleres de vida alegre?” está incluída dentro dos actos conmemorativos do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Así, hai que subliñar que arredor de 400.000 mulleres son prostituídas en España, das cales o 90 por cento son inmigrantes procedentes de países pobres. Aínda que non se dispoñen de datos oficiais, calcúlase que aproximadamente unhas 8.000 mulleres son prostituídas en Galicia. A ONU estima que a trata de persoas constitúe a terceira industria criminal do mundo e segundo datos das Cortes Xerais, gástanse diariamente 50 millóns de euros en prostitución, máis de 18.000 millóns de euros ao ano.
Así mesmo, calcúlase que case un de cada tres homes explotou sexualmente a unha muller, e que un millón de homes merca diariamente nos servizos de mulleres que exercen a prostitución. Segundo a ONU, España é un dos 10 países do mundo con maior número de redes mafiosas de prostitución operando dentro do seu territorio. Os interesados e interesadas en reflexionar sobre este tema a través de testemuños reais, poden facelo até o 29 de novembro de 18.00 a 21.00 horas.











