O Parador de Turismo ferrolá acolle o “I Foro de turismo e comercio Ferrol 2013”
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, e a Deputación Provincial da Coruña organizan os vindeiros días 25 e 26 de novembro o “I Foro de Turismo e Comercio Ferrol 2013”. Este evento terá lugar, en horario de 16:00 a 19:00 horas, no Parador de Turismo de Ferrol e está englobado no “Plan para a mellora da competitividade turística”, convenio de cooperación entre a administración ferrolá e provincial.
Estas xornadas pretenden fomentar o emprendemento no ámbito turístico e das novas tecnoloxías na comarca de Ferrolterra e xorden pola constancia un gran descoñecemento por parte dos sectores turísticos, hostaleiros e comerciantes en relación ao uso das novas tecnoloxías, usos e hábitos do turista e dos consumidores actuais, cada vez máis esixentes. O obxectivo deste foro é dar a coñecer a autónomos e pemes de actividades turísticas, hostaleiros e comerciantes, as ferramentas -na súa maioría gratuítas- máis favorables para unha eficaz xestión dos seus negocios, así como para chegar mellor aos seus potenciais clientes utilizando internet, redes sociais e dispositivos móbiles.
Actualmente, os emprendedores deben tratar de lograr diferenciarse da competencia e aprender a manexar unha serie de ferramentas que proporcionan visibilidade na rede. Disto falarán varios poñentes, expertos formadores en temas de vendas, neuromarketing, emprendeduría e internet.
O “I Foro de Turismo e Comercio Ferrol 2013” está aberto a toda a cidadanía e o programa segundo os días é o seguinte:
Luns, día 25
– “Neuromarketing: Cómo incrementar as vendas no sector do turismo e o comercio”. (16:00-17:00 horas).
– “Claves para emprender en contextos competitivos”. (17:00-18:00 horas).
– “Taller de creación de blogs con wordpress” (18:00-19:00 horas).
Martes, día 26
– “¿Cómo aproveitar os servizos de Google para a promoción dixital da miña empresa ”. (16:00-17:00 horas).
– “¿Cómo crear, publicar e difundir vídeos en formato dixital para a promoción do meu negocio?”. (17:00-18:00 horas).
– “¿Cómo aproveitar o novo canle de comunicación ofertado polos dispositivos móbiles: smartphones e tablets?” (18:00-19:00 horas).











