O obradoiro “Santiago Impulsa II” ofrece un posto laboral a 24 desempregados

A conselleira na visita ao obradoiro de traballo compostelán. Foto: C. Paz
A Consellería de Traballo e Benestar está a investir preto de 500.000 euros no Concello de Santiago en diversas liñas de colaboración en materia laboral. Entre as diferentes actuacións, destaca o obradoiro de emprego ‘Santiago Impulsa II’ no que se están a formar un total de 24 persoas desempregadas nas especialidades de operacións básicas de restaurante e bar; confección e publicación de páxinas web; e actividades auxiliares en viveiros e xardíns. A esta iniciativa estase a destinar preto de 215.000 euros.
A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe aos participantes desta iniciativa mixta de formación e emprego que está a permitir, ademais, a elaboración e mantemento de páxinas web da área municipal de Santiago e de asociacións de ámbito social; a revalorización de espazos verdes públicos, do parque das Cancelas e o centro municipal de formación de Aríns; e a realización de servizos de catering en actos de entidades sociais e do Concello.
“Estes programas abren un importante espazo de colaboración cos concellos”, apuntou Mato, quen lembrou, así mesmo, que este tipo de actuacións permiten acceder aos seus participantes a un posto de traballo, ao tempo que reciben unha formación “de calidade”. Con respecto a este último punto, Mato incidiu en que a formación que se ofrece nos obradoiros de emprego está vinculada á demanda real do mercado laboral actual e que se trata dunha formación homologada, que vai asociada a un certificado de validez estatal. “Practicamente o 100 por cento dos cursos que financiamos na Consellería de Traballo e Benestar están ligados á obtención dun destes certificados”, matizou.
Por todas estas vantaxes, Mato avanzou que os orzamentos de 2014 blindan a partida económica destinada a estas iniciativas, polo que ascenderá a 9,5 millóns de euros e beneficiará a 1.300 galegos e galegas.
A conselleira lembrou que na actualidade están en execución por toda Galicia un total de 50 obradoiros de emprego dos que 17 están en marcha na Coruña cun investimento de 3,3 millóns de euros. Nesta provincia están a participar un total de 370 alumnos.
Plan integrado de emprego
Así mesmo, Mato avanzou que a Consellería de Traballo e Benestar vén de conceder á Administración local de Santiago un plan integrado de emprego ao que destinará preto de 79.000 euros. Desta actuación beneficiaranse 60 persoas desempregadas.
Con esta iniciativa, os participantes reciben accións de información, orientación, asesoramento, formación e práctica laboral ou a intermediación coas empresas.
Mato anunciou que os orzamentos de 2014 incrementarán nun 60 por cento a partida destinada aos programas integrados de emprego que, deste xeito, contarán con 4 millóns de euros. No que se refire a 2013, estanse a poñer en marcha en Galicia 30 programas, tanto en colaboración cos concellos como con entidades. En total, Traballo está a investir 2,5 millóns de euros que beneficiarán a 2.200 persoas sen emprego.











