publicidade hoxe

O obradoiro de emprego de Ortigueira e Mañón forma en albanelería e carpintería a 20 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMañónOrtigueira
A-
A+
Belén do Campo na visita ao obradoiro

Belén do Campo na visita ao obradoiro

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá aos 20 participantes no obradoiro de traballo que están a levar a cabo de forma conxunta os concellos de Ortigueira e Mañón.

Acompañada polos alcaldes destes dous municipios, Rafael Girón e Alfonso Balseiro, Do Campo explicou que a Xunta segue a apostar polas iniciativas mixtas de formación e emprego polas súas numerosas vantaxes, pois posibilitan acceder a un posto laboral, ofrecer simultaneamente unha formación teórica e práctica de calidade e levan aparelladas a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade.

No caso do obradoiro de Ortigueira-Mañón aprobado pola Consellería de Traballo e Benestar estanse a formar e a acceder a un posto laboral unha vintena de persoas sen emprego nas especialidades de albanelería e de montaxe e instalación de construcións de madeira. Os alumnos levarán a cabo a urbanización e axardinamento dunha parcela no lugar da Penela. Ademais, está prevista a construción de instalacións para albergar uns aseos, varios almacéns e un espazo de recepción. En total, a esta actividade o departamento autonómico está a destinar preto de 178.000 euros.

“A formación que os participantes reciben é homologada e asociada a un certificado, xa que practicamente o 100 por cento dos cursos que financia a consellería están vinculados á obtención dun destes certificados de validez nacional”, explicou a máxima representante do Goberno galego na provincia. Ademais incidiu en que a Xunta de Galicia segue a apostar polas políticas activas de emprego que, aínda que por si mesmas non crean postos de traballo, si melloran a empregabilidade dos traballadores e traballadoras e, polo tanto, aumentan cuantitativa e cualitativamente as posibilidades de conseguir un emprego.

A delegada territorial destacou que este obradoiro é un dos 50 que se están a realizar por toda Galicia, dos que 17 corresponden á provincia da Coruña con 370 alumnos e un investimento total de preto de 3,3 millóns de euros.

Por outra banda, na comarca de Ferrolterra tamén contan con esta actividade o concello de Ferrol, a través da que se que formará e dará emprego a 24 alumnos en traballos forestais e de albanelería. Terá un orzamento de 215.000 euros e permitirá a posta en valor do terreo municipal do Montón.

Tamén está en marcha outra destas iniciativas nos concellos de Ares e Fene que conta con 22 participantes e un investimento de 200.000 euros, especializada en pesca tradicional, atención sociosanitaria, albanelería e xardinería.

Blindaxe nos orzamentos

Neste sentido, Do Campo aproveitou para recordar que a Consellería de Traballo blindará nos Orzamentos de 2014 a partida destinada aos obradoiros de emprego, que ascenderá a 9,5 millóns de euros e beneficiará a preto de 1.300 galegos e galegas. Deste xeito, volverán a programarse outras 50 actuacións deste tipo por toda a Comunidade Autónoma.

26 de novembro de 2013 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.