O obradoiro de emprego “Agrolalín” ofreceu información teórica e práctica aos 20 participantes
“Desde o arranque de <Agrolalín>, novo obradoiro de emprego que estamos a desenvolver en Lalín desde mediados do mes de outubro, os 20 alumnos que nel participan nas especialidades <horticultura e floricultura> e <pavimentos e albanelería de urbanización> recibiron formación teórica e práctica nas aulas e obradoiros do Centro de Formación Ocupacional (CFO)”.
Así o explica a concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, que vén de realizar unha visita ao dito obradoiro onde comprobou de primeira man o traballo que os participantes están realizando na parcela de formación agraria, así como as prácticas de albanelería que están levando a cabo no exterior do dito Centro de Formación Ocupacional e que consisten na construción de un muro de mampostería.
Batán concreta que “os dous grupos de alumnos, distribuídos en 10 alumnos (4 homes e 6 mulleres) de <horticultura e floricultura> e 10 alumnos (7 homes e 3 mulleres) de <pavimentos e albanelería de urbanización> xa recibiron formación teórica e práctica nas aulas e obradoiros do Centro de Formación Ocupacional”. “Os de horticultura comezaron a realizar a parte práctica tamén na finca de formación agraria do Polígono Lalín 2000 como comprobei na miña visita ao obradoiro”, sinala.
A edil delegada desexoulles aos alumnos un bo aproveitamento do obradoiro, “pois a formación e a reciclaxe continuas son nestes momentos uns aliados importantes para incrementar as posibilidades de empregabilidade”.
A formación teórica que se impartiu ata o momento consistiu en impartir formación sobre prevención de riscos laborais (60 horas) e sobre alfabetización de informática (10 horas). Ademais os alumnos traballadores da especialidade de horticultura e floricultura recibiron no mes de outubro o módulo de sensibilización medioambiental de 9 horas de duración.
A responsable municipal de Emprego indica que “a formación continuará o vindeiro mes de decembro con novas accións formativas, na especialidade de pavimentos e albanelería de urbanización e en formación complementaria en igualdade de xénero”.
“Ademais os 20 participantes comezaron xa as sesións de formación e orientación laboral que se levarán a cabo durante toda a duración do proxecto en xornadas semanais diferenciadas por especialidades; comezouse cos contidos de autocoñecemento profesional e persoal e a elaboración de curriculum vitae”, salienta.
FORMACIÓN PRÁCTICA
Batán Mouriño fai fincapé en que “esta formación teórica que comezamos a impartir desde que se iniciou <Agrolalín> a mediados do mes de outubro completouse con prácticas formativas”. “Deste xeito, os 10 alumnos da especialidade de horticultura realiza as prácticas na finca de formación agraria de 2.500 metros cadrados que ten no Polígono mentres que os 10 alumnos da especialidade de urbanización realiza a práctica formativa no CFO do Polígono, tanto no propio obradoiro de albanelería como na parcela exterior experimental ao centro”, puntualiza.
As prácticas executadas na finca de formación agraria consistiron “na preparación do terreo tanto no exterior como no interior do invernadoiro; drenaxe do terreo e acondicionamento dos camiños da parcela de cultivo; toma de mostras de solo e análise do mesmo e desinfección do solo, preparación e montaxe de sementeiros, entre outras”, salienta a concelleira que concreta ademais que “esta semana comezouse coa plantación de repolos, fresas e allo en diferentes bancais ao aire libre”.
Así mesmo detalla que “as próximas prácticas que se levarán a cabo son traballos de instalación de rego, construción de microtuneis nos bancais de cultivo para protección de baixas temperatura e plantación no invernadoiro de leituga e flor, tales como diferentes variedades de lilium, así como tulipán e rosa”.
“E na modalidade de albanelería as prácticas executadas no CFO foron: elaboración de morteiros e pastas elaboradas, colocación de adoquín, colocación de lousas de pedra e limpeza e consolidación de muros perimetrais de mampostería, unha actuación que están desenvolvendo estes días tal como vimos de constar na visita efectuada”, destaca.
PRÓXIMAS ACTUACIÓNS
María José Batán anuncia que “na primeira semana de decembro tense previsto comezar coas actuacións xa para acondicionar o entorno do Pazo de Liñares, monumento Ben de Interese Cultural, que quedará, cando se instale o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico a través de Depodeza, totalmente completado e co que Liñares se converterá nun equipamento cultural e deportivo de primeira orde”.
“Comezaremos, en primeiro lugar, por intervir na mellora e acondicionamento do camiño de entrada ao Pazo, mediante a limpeza e mantemento dos muros existentes de mampostería tradicional”, indica. “Continuarase coa limpeza e consolidación do resto de muros perimetrais do edificio; unha vez rematadas as tarefas comezarase coa pavimentación das sendas peonís no camiño de entrada ao Pazo”, afirma.
“Xa para o mes de xaneiro temos previsto empezar as actuacións de urbanización e xardinería no recinto interior do Pazo, tanto no xardín dianteiro do Pazo como na hora e na eira posterior”, informa Batán. “Deste xeito –comenta- avánzase co acondicionamento do entorno Pazo de Liñares que terá cando remate o obradoiro en abril de 2014 unha horta ornamental -como no seu día dispuxo- e un xardín naturalizado e que permitirán a este BIC ser un verdadeiro verxel como o foi antano”, remarca. “Unha actuación se completa co Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico a través de Depodeza que permitirá a posta en valor do dito BIC”.
“Hai que destacar tamén que a produción hortícola e de floricultura producida no obradoiro destinarase ao banco de alimentos xestionado polo departamento de servizos sociais do Concello; así mesmo as hortalizas dedicaranse a actos e eventos do Concello”, precisa Batán.
<Agrolalín> é o oitavo obradoiro desenvolto polo Concello de Lalín en colaboración coa Consellería de Traballo, mediante os que se construíron e rehabilitar un bo número de instalacións como unha vintena de locais sociais, mercado de gando, campo da feira, edificio da Uned ou a posta en marcha de iniciativa produtivas como, por exemplo, a formación en atención aos maiores a través de programas de envellecemento activo.











