O novo servizo de parques e xardíns de Ferrol inclúe 30.000 metros cadrados de novas zonas verdes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A unión temporal de empresas (UTE) San José – El Ejidillo Xardíns de Ferrol encargarase do mantemento e conservación das zonas verdes e das zonas deportivas -que teñan céspede natural ou terra- da cidade para o que resta de mandato. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá adxudicar o contrato á devandita UTE por dous anos e un importe total de 2.301.501,30 euros (IVE incluído) -1.150.750,56 euros por exercicio-; e deste xeito oficializaba a proposta de adxudicación feita pola Mesa de Contratación do Concello de Ferrol que valorou técnica e economicamente a oferta de San José – El Ejidillo por riba das presentadas polas outras sete empresas que participaron neste procedemento aberto pola Administración municipal.

O novo contrato de parques e xardíns adxudicado esta mañá polo Executivo ferrolán que preside Jose Manuel Rey Varela supón un aforro de aproximadamente medio millón de euros anuais con respecto ao gasto que supoña para as arcas municipais este servizo. Ademais, inclúe con respecto ao anterior contrato a conservación e limpeza de zonas deportivas como o campo de rugby da Malata e as instalacións municipais de fútbol 7 de Caranza e A Gándara; así como de 30.000 metros cadrados máis de superficie de zona verde: auditorio de Ferrol, miradoiro de Doniños, urbanización de Xoane, río Inxerto; 240 novas árbores situadas en rúas de nova reurbanización –estrada de Castela e Catabois, Atocha, etc.-.

Outras melloras do servizo de mantemento de zonas verdes que se aplicarán coa entrada en vigor deste novo contrato son: a plantación anual de 40.000 unidades de flor de estación; a substitución de arborado danado ou por outro máis acorde ao emprazamento urbano –até un máximo de 20.000 euros anuais-; a reposición de mobiliario –bancos, papeleiras…, até un máximo de 10.000 euros anuais-; e actuacións de mellora e ampliación da rede do sistema de rega –cun investimento por ano de vixencia da adxudicación de 20.000 euros-.

Emerxencias

Por último,  outra das innovacións que porá en marcha a empresa adxudicataria do servizo de parques e xardíns é a de dispoñer dun retén de emerxencias que estará composto por oito operarios: 1 oficial, 4 xardineiros, 3 auxiliares de xardinería e un camión e ferramentas de apeo.

5 de novembro de 2013 | 10:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.